O SARXENTO QUE LÍA A HOBBES
O último sarxento que mandou na Garda Civil da Pontenova debía de ler a Hobbes. Se non o facía, levaba as trazas todas. A semana pasada marchou tras catro anos á fronte do posto e os veciños agradeceron todas as reprimendas e cada unha das multas individuais que lles impuxo. Os condutores locais confesaban viviren rexidos por unha cómoda liberadade individual ampla e unha colectivamente incómoda Lei Natural; escribo Natural porque se reproduce coa mesma naturalidade en Lugo, cun libre albedrío para aparcar prohibidos ou/e en dobre rea á saída dos centros educativos e coa estratexia vencedora de ser o máis audaz asomando o capó nos cruces, por non introducir a naturalidade coa que os vehiculos quedan con dúas e mesmo as catro rodas pousadas por riba das beirarrúas. Versioneando a Hobbes: "O home actúa para preservar o seu aparcadoiro". O sarxento da Pontenova houbo de recompoñer unha orde social baseada no principio ácrata de que podes aparcar o coche en dobre fila no caso de que che aforre camiñar trinta metros para achegáreste á tenda. O resultado era que a travesía central da Pontenova requería ampla destreza no volante para esquivar vehículos de recadeiros nugalláns que non teñen preferencia dominante entre destra e sinistra. Pero deuse, por parte dos pontenoveses "un cálculo de consecuencias", que lles permitiu identificar o mal menor e asumilo. Ao cabo, o sarxento deu "reducido todas as vontades e unha soa". A Pontenova volveuse un Leviatán que a semana pasada se erguía agradecida.