Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
22 septembre 2014

O IRMÁN DE ROSALÍA SUBIRÍA AS AUDIENCIAS

Mighty Mouse -The first 3D comic, 1953

 

O consumo de televisión en Galicia baixou un 7 por cento dende 2007, aínda que o Luar non deixou de emitirse venres ningún. O Anuario de las artes escénicas, musicales y audiovisuales de 2013, que elabora a SGAE, confirma que o interese dos rapaces polos medios audiovisuais en galego non medra. O noso programa canónico, encarna o espírito dun tempo que está desaparecendo.
Non parece que esa desidia xuvenil poida variar cunha chamada dun líder socialista galego a Xosé Ramón Gayoso, como a que fixo, con audacia estratéxica, Pedro Sánchez ao Salvame de Jorge Javier Vázquez.
Non faltan ao galego, á cultura galega, elementos para espertar o interese das audiencias, tan interesadas polas testemuñas e intimidades de familias extensas de cantantes e toureiros.
Marga do Val vén de destapar a caixa de Pandora entre os investigadores patrios ao desvelar a posibilidade da existencia dun irmán de Rosalía de Castro. A experta na poetisa de Padrón interveu nas xornadas sobre Literatura galega: identidade, alteridade e exilio, que se desenvolveron en Madrid. A tese ten como base as memorias de Luis Tobío Campos —pai de Lois Tobío e curmán da nai de Rosalía, Teresa de Castro—, onde escribe que «un hermano de esta abuela llamado José fue capellán mayor de la colegiata de Iria (y padre natural de la popular escritora Rosalía Castro, de Padrón, esta tal Rosalía tuvo un hermano que murió en la infancia, y está actualmente casada con el historiador Murguía)».
Marga do Val expón a súa descuberta con toda a precaución, aínda que sospeita que a descuberta dun irmán sería importante para facernos ver que a relación entre os pais de Rosalía tería sido diferente do que pensabamos.
Outra visión que se lle pode achegar ao comentario sobre o presunto irmán sería a do folletín. Esas revelacións sentimentais serven, nun ámbito práctico, para virar a atención das audiencias folgadas cara á cultura máis ca toda a poesía que se poida ler en actos públicos.
Ao cabo, o corazón é o órgano co que determinamos a maioría das decisións. O músico Germán Díaz, que afina capóns e cría zanfonas en Arneiro, coñece a importancia do órgano vermello.
O seu novo proxecto é o Método cardiofónico. Aproveita uns vinilos nos que o doutor Izquierdo gravou latexos do corazón para estudar cardiopatías. Díaz usa esas palpitacións como base rítmica.
Mentres Germán Díaz emprende novas formas musicais, os escritores galegos analizan Como escribir o futuro? no noveno ciclo Escritores na Universidade que se desenvolve na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo.
Ledicia Costas e Manuel Portas disertaron sobre Ficción ou dicción? Como escribir unha verdadeira novela contemporánea? O seu debate é meritorio tendo en conta os embates que padeceu o xénero nos últimos anos entre os que o desprezan dende o século XIX por reflectir o modo de vida burgués e a súa presunta falta de compasamento cos tempos modernos, tan apresados.
Non menos valentes son Rosalía Fernández Rial e Samuel L. Paris, que o mércores preguntaranse E que faremos do lirismo? A pantasma da poesía dos oitenta.
Escribir poesías segue sendo un oficio de voluntariosos, aínda que ás veces reporte algunha alegría económica. Lara Rozados, autora de O caderno amarelo, que lle valeu o Premio de Poesía Victoriano Taibo, celebrouno os 3.000 euros de dotación argumentando que lle pemitirá subsistir uns meses mentres atopa un traballo.

O xogo de tronos das audiencias televisivas está gobernado nas últimas tempadas polos programas de corte fino de cebola e caramelizamento de allo. O reinado do corazón está ameazado soamente polo principado das papilas gustativas e o marquesado do benestar estomacal.
Os organizadores do festival de música SonRías, que ía desenvolverse a pasada fin de semana en Bueu, volveron habilitar un ámbito para a gastronomía baixo de Casa SonRías. Nese espazo varios músicos serían sometidos a unha proba de fogóns, como o ano pasado. Os masterchefs do rock and roll ían ser Txikitin, de Ska-P, que ía cociñar unha piperrada de txistorra. Juankar de Boikot propuxera unha atrevida ensaladilla de polbo, mentres que o músico autóctono Tonhito de Poi optara polo seguro cunha tradicional caldeirada de peixe, na que Enrique Otero pensaba axudalo na retirada da espiña.
A relación entre as baterías de coiro e as de metal ten un certo pouso en Galicia. A xornalista pontevedresa Teresa Cuíñas botou anos relacionando ambas as artes no blog Rock and Cook.
Nunha entrada convidara a Eladio dos Santos, líder de Eladio y Los Seres Queridos, quen preparou unha ensalada. Eladio ten unha visión inclinadamente realista sobre a relación entre escoitar sons agradables e comer pratos saborosos. O seu reto é facer un prato co que teña na despensa: «En eso es en lo único en lo que se parece a la música: comer bien con lo que tengo. Favorece la creatividad, ¡con las alacenas llenas no sabría qué hacer!». Nada sensorial.

Photo: Mighty Mouse. The first 3D comic 1953

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité