Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
28 septembre 2014

TAÍN, ESCRÍBAME CUARTO E METADE

Steve Shapiro - Samuel Beckett

Hai moitos afeccionados ao futbol que son adestradores frustrados, hai adestradores que tamén o son. O xuíz Vázquez Taín fai novelas. 

O pintor Leopoldo Nóvoa nunca deixaba un partido do Deportivo sen acudir á casa de Luis Rodríguez Ennes. Estamos falando dun reputadísimo e concienzudo catedrático de Dereito Romano. Os que padecemos a materia con pertinaces suspensos sabemos que é a base de toda a lexislación actual. A materia quedou na outra beira do Limia, o río do esquecemento, pero confeso que aprendín a expresar ordenar ideas por escrito nas interminables sesións de lectura de Derecho privado romano, de Javier D’Ors.
Nóvoa miraba cada encontro branquiazul, aínda sen apetencia algunha polo fútbol. Gozaba mirando como o seu amigo se enfadaba, berraba, lanzaba coxíns contra o televisor e danzaba con cada gol de Bebeto.
Non teño noticia de que Rodríguez Ennes fose adestrador de fútbol. Tampouco de que José Antonio Vázquez Taín traballase nunca coma carniceiro. Se o fose, eu compraríalle as chuletas con toda a confianza na súa procedencia e na precisión do corte, aínda que soamente fose pola cara afable e bochechuda.
Pero Vázquez Taín é xuíz. Un bo xuíz, que non dubidou en arriscarse a que lle deixasen un gato negro degolado no felpudo cando houbo de desartellar as narcoempresas das Rías Baixas en 2003.
Máis recentemente, aclarou roubo do Códice Calixtino e salvou a honra dos desleixados custodiantes e encazou o xuizo polo desconcertante asasinato de Asunta Basterra.
O luns, Ana Rosa Quintana conectou en vivo e en directo co seu despacho. Eu agardaba recrearme en toda a admiración que me causa o seu traballo como xuíz, cando a xornalista de Antena 3 empezou a lembrarnos a cara en sombra de Vázquez Taín: a novela La leyenda del santo oculto (Teófilo Ediciones), na que se investiga a desaparición Códice Calixtino.
Esa referencia foi a introdución para dirixirse en dereitura ao solombo: Al Infierno se llega deprisa, a novela que lle vén de publicar Planeta. «Cuando Planeta me llamó por el mes de marzo sentí auténtico vértigo. Me dijeron que estaban dispuestos a darme una oportunidad porque habían leído mi primera novela y que le veían defectos que no sabían si yo sería capaz de corregir», comentou Taín.
Desas declaracións dedúcese que en Planeta estamos ao que estamos e que, se un xuíz de casos espectaculares como o do crime da nena de Santiago, ten ansiedade de ser escritor, pois se lle encarga cuarto e metade.
Mentres estaba instruíndo o caso, en outubro do 2013, Vázquez Taín rexeitaba con firmeza ética a insinuación de se volvería usar a inspiración profesional para unha ficción, como fixera co Códice. «Sería inmoral tratar el tema que me ocupa en una novela», cortou. En marzo, tras a encarga da Factoría Lara, deixouse deslumbrar.
Ao cabo, soamente houbo de superar o convencemento de que novelar o caso que lle ocupaba non era inmoral de todo e redactar 336 páxinas sobre a desaparición dunha adolescente ambientado en Galicia.
Reproduzo a primeira frase: «Un hortera despertador de los chinos proyectaba sobre la pared una tenue luz roja, al tiempo que delataba la existencia de una mancha de humedad». Son incapaz de dicir o que me disgusta máis: a escolla das palabras, a súa cantidade excesiva ou o xeito no que as ordeou.
Máis que o comezo dunha novela, semella a declaración dun hortera imputado nun auto xudicial. Queda claro que a publicar nunha multinacional non se chega pola literatura.

 

Leopoldo Növoa nunca se meteu en ámbitos que ignoraba. Iso si, toda a estética que o rodeaba debía de estar baixo o seu criterio. «Diseñaba su propia ropa y hasta los tiradores de las puertas», desvela Luis Rodríguez Ennes.
Resulta fascinante visitar estes días a galería Clérigos de Lugo, onde están expostas unha trintena dos cadros do artista pontevedrés. As obras transmiten talento, análise e rigor. Nada que ver con Vázquez Taín.
O novelista revela que «el plan era sacar el libro en enero, pero en abril me puse como una moto a escribir, y en junio tenían en Madrid todos los capítulos». E non minte. Nótase no resultado. Sospeito que non estudou Dereito Privado Romano polo manual de D’Ors.
Al infierno se llega deprisa está tan inspirado no caso de Asunta Basterra que mesmo o autor puxo aos seus investigadores os mesmos nomes ca os gardas civís que indagaron sobre o crime de Teo. A novela, non o dubido, vai ter influencia na inspiración allea: axudará aos avogados de Rosario Porto e Leopoldo Basterra a elaborar a súa estratexia de defensa.
A obra de Taín non vai precisar do plan Os venres nas librarías, que puxeron a andar a Consellería de Cultura, a Federación de Libreiros e a Asociación Galega de Editores a fin de fomentar as presentacións e sorteos de libros.
Pero o problema de Al Infierno se llega deprisa non é menor. O lanzamento estaba programado para unha data que cadraba co asasinato de Asunta. Houbo que adialo. «Ken Follet ya ha presentado su libro. Todos lo han hecho. Y hemos perdido la oportunidad de ocupar los mejores puestos en las estanterías», lamenta Taín.

Photo: Samuel Beckett by Steven Saphiro

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité