Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
30 novembre 2014

UNHA BUFANDA, UNHA CAMISETA, A LÚA EMPOLEIRADA

Futbol bestO paseo de hoxe foi vespertino. Canda a miña muller e canda Antón (+8), o que dei convencido para que nos acompañase porque lle permitín levar un balón de fútbol. Paramos na Praza do Campo para mirar unha tenda de queixos espectaculares, preciosos, e Antón regateaba a estatua de San Vicente e eu quitaba fotografías da Lúa empoleirada sobre a cidade e a miña imaxinación tarareaba There will never be another you poñendo a mesma voz afeminada e deliciosa de Chet Baker e todo, todo, pareceu perfecto por uns trinta segundos. Pero non fun quen de esquecer que esta mañá, no frío grisáceo de Madrid, mataron a Francisco Romero Taboada porque ía animar candidamente a un equipo de fútbol xunto con outros afeccionados pacíficos coma el ou porque porfiara contra outros selvaxes coma el a envorcar a súa agresividade uns contra os outros -desta hora as versións son diverxentes-. Antón xoga os partidos sen protectores para as canelas seguera, pensei, e alguén pode perder a vida  gustarlle un equipo. "Esto nada tiene que ver con el fútbol", converxen en afirmar Tino Fernández e Enrique Cerezo. Como vasco e como padecedor tanxencial da violencia e da lóxica mala sona de ETA faime graza lembrar a multitude de persoas ás que lles cheirei a sangue de terceiros soamente por ter nacido en Bilbao. Malia que sospeito que os clubs toleran que os seus seguidores máis extremistas se acheguen ata a fronteira que limita coa violencia, pero tamén que o asasinato desta mañá non é culpa do fútbol, que unha xuntanza para xogar e ver xogar a terceiros cun balón non debe ser motivo para os golpes e as navalladas, tamén temo que o fútbol foi o medio para o encontro de dúas vontades que querían aplicar a furia sobre uns descoñecidos aos que identificar polos seus atributos futbolíscos (unha bufanda, unha camiseta,...). Deduzo dese feito tan aleatorio de concreción do suxeito sobre o que aplicar a furia propia que, efectivamente, tanto ten a excusa porque non se trata dunha violencia que busque transformar as condicións obxectivas propias. Quero dicir, que un pode exercer a violencia contra un veciño próximo porque busque mellorar o seu alimento ou o seu hábitat, ou para emparellarse; aínda que, evidentemente, non deba facelo por unha cuestión de paz social. No caso de hoxe, a violencia exercida por e contra os Riazor Blues e por e contra o Frente Atlético non garda relación cunha mellora das condicións persoais se consideramos que A Coruña e Madrid son cidades ben distantes e que vítimas e verdugos converxen unicamente nunha rivalidade por sentimentos deportivos. A batalla desta mañá responde ao encauzamento dunha ira que ten por toda base racional a busca por parte dun colectivo de bárbaros doutro coa fin de poderen desenvolver xuntos os seus anceios de violencia. A maiores, para reforzar o ilóxico do asunto, houbo unha gavela de bárbaros que atacou a dúas persoas nun bar da Coruña por algo tan caprichoso como ser recoñecidos como afeccionados a un equipo de fútbol de Madrid. Pola miña banda, todo o que me queda é tratar de que o meu fillo siga percibindo o fútbol coma un divertido entremento entre persoas civilizadas e seguir mirando a Lúa empoleirada na Praza do Campo.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité