JOSEP PLA BUSCA CONVERSA NUN PETROLEIRO
As sensacións máis desagradables que pode sentir unha persoa son a fame, o frío e a soedade. Josep Pla combateu as tres durante todo o seu tempo. Destino vén de traducir dende o catalán La vida lenta. Notas para tres diarios (1956, 1957 y 1964) nas que recolle centos apuntamentos cotiás de dez liñas.
Cada noite apuntaba o que xantara, o vento dominante e as persoas coas que falara. A fame, o frío e a compañía son as tres constantes diarias: «Día nebuloso, húmido, morto. Teresa fai un arroz negro moi rico. Pola tarde veñen Bonal; despois Quintà e máis o irmán, recén chegados de Galicia. Imos cear a L’Escala. Unha cea moi rica. Pescada ao forno».
Estes textiños teñen valor antropolóxico, costumista —biográfico, se se quere—, pero están escritos coa mesma apatía disciplinada coa que Pla redactaría a lista da compra a Teresa, a muller que o atendía na masía de Llofriu, no Baix Empordà. Frases curtas, oracións sen enfiar, ausencia de matices ou metáforas.
Pla, que sostiña que «escribir consiste en colocar o adxectivo máis axeitado tras os sustantivo», que aspiraba a Stendahl, cóntase austero nos diarios. A intención non é discursiva, é case unha constatación científica de datos.
Hai unha chea de anos, en 1999, Galaxia publicou Viaxe por Galicia. Ese libriño, de letra XXL, é un escolma das páxinas de Direcció Lisboa. L’itinerari cantàbric (Destino), a crónica dunha viaxe a Portugal, na que o autor inclúe o paso polo noso país.
Nese texto describe, como en todos os outros, a súa loita contra a fame, o frío e a soedade. Josep Pla atravesa Galicia, esa volta desarroupada onde a Península Ibérica fai esquina co Atlántico. Compórtase como Sísifo: cada día come, abrígase e conversa; cada mañá debe volver empezar.
Non ten maior problema coa fame. Viaxe por Galicia comeza cunha mariscada na Mariña, en Foz. Sen que abra a boca, o propietario do restaurante confésalle o anarquista que aniña en cada corazón galego: «Nesta época non debería haber marisco ningún, pero como neste país ninguén fai caso da veda, xa ve vostede: témoslle de todo».
O libro achégase ao seu remate cun xantar prodixioso e nutrido con Álvaro Cunqueiro no Mosquito de Vigo. «Polas festas que lle fixeron a Cunqueiro cando chegou, quedou demostrado que era un cliente comprensivo,intelixente e difícil», lembra Josep Pla. Acompáñaos Torrente Ballester, «moi intelixente, enormemente discreto, profesor en non sei que universidade de Estados Unidos».
Pla asiste a un «debate técnico» sobre as sobremesas que lle resulta tan «gorentoso» como a comida. Ao remate, fanse unha fotografía na porta do restaurante onda a cociñeira. Cunqueiro parece satisfeito; Torrente, curioso, e Pla, canso e ausente. A culpa, non digo que non, pode ser dos «dous ou tres cafés con whiskey» que beberan.
Pla non ofrece ese aspecto de cabalo de carteiro rebentado porque estea esfameado. Debe de ser cousa do frío. En Viaxe por Galicia que o noso país vive sometido polo Atlántico, «polo que en outono e en inverno, sempre vai mal tempo». Aínda que o escritor sabe que «o mar só se pode combatir con paciencia», sospeita que «ese estado de inseguridade na que viven os galegos pode que proveña destas borrascas e destas ventadas que caen sobre o país como animais esfameados».
No entanto, o escritor catalán está moi agradecido a un galego, Eugenio Montero Ríos, porque o salvou do frío. O político compostelán, «que tivo a desgraza —ou a sorte— de ser hipotenso», polo que era friorento. «Don Eugenio foi un impulsor da calefacción central nesta península e, grazas á súa iniciativa, estábase moi a gusto no Senado», comenta para agradercelle que mandara instalar radiadores na institución.
Sempre imaxinei que Josep Pla era un arcadio feliz na súa masía. Sorprendéudeme Lois Caeiro —que leu a Pla ao dereito e ao revés; é dicir, no catalán orixinal e traducido— escachando esa percepción miña. Desenganoume sinalando que Llofriu foi máis ben un agochadoiro situado nunha terra de ninguén entre as dúas Españas. «Non dei durmido en toda a noite pola calor e o aburrimento», confesa en La vida lenta.
Cando se aburre —demasiadas veces— bebe wishky, le a Samuel Johnson e a Montaigne, e acaricia a súa «obsesión erótica con A.». Esa inicial fai referencia a Aurora Perea Mené. Josep Pla coñeceuna na posguerra. Ela traballaba nun bar de señoritas que fuman e te tratan de ti. Andaron en amores durante unha década. En 1952 Aurora marchou a Bos Aires, onde casou.
Leo que os apuntamentos recollidos en La vida lenta desmontan a consideración de Pla como misóxino. Non sei quen decidiu que a Pla lle proía un rancor contra as mulleres. Seica gustaba de valorar o seu fisico. Con todo, a paixón por Aurora non parece erguerse coma proba de entidade en contra desa aversión. Nin a favor.
Parece, máis ben, que Josep Pla desexaba manter unha prolongada e incenciada conversa con Aurora, un diálogo físico e asemade emocional. No diario agora publicado escribiu: «Rematado El quadern gris. Nada de Aurora. Non saio da casa». As interrupcións desa conversa dóenlle. Enumera os días sen carta de A., súmaos coma se pasase as contas dun rosario penitencial.
Sendo vello, de desesperado que estaba, embarcou nun petroleiro para reencontrarse con Aurora. O home dela foi comprensivo e puideron seguir a súa conversa ultramariña. «Le retour de l’âge», anotou daquela o escritor con retranca, usando a metáfora francesa para a menopausia.
Photo: Eugeni Foncado