Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
13 janvier 2017

OS MEUS FILLOS NON TRABALLARÁN A TERRA

ST+Berger+image

O MARTES FUN VER a película de ciencia ficción Passengers (Pasaxeiros). Uns habitantes da Terra emigran a outro planeta para renovar as súas vidas. Está protagonizada por unha boa actriz que é guapa, Jennifer Lawrence, e por un guapo que vaia por Deus como actor, Chris Pratt. Passengers parte dunha idea cargada de futuro e comeza como un fascinante espectáculo de Hollywood. O director, Morten Tyldum, condúcea cara a un telefilme romántico ideal para a sobremesa de Antena 3.
Jennifer Lawrence fai de xornalista que quere botar un ano nunha colonia doutra galaxia para volver á Terra e contalo, e Chris Pratt fai de mecánico que escapa do paro provocado pola tecnificación, que anula calquera necesidade de reparación. A película trata da ilusión e a soedade que acompañan a todo emigrante. Blanco Amor valoraba máis a ilusión na odisea que o levara de Ourense a Bos Aires: «Se non chego marchar, teríame convertido en Wenceslao Fernández Flórez».
Crieime nas aforas de Ribadeo, no medio dun campo ao que non pertencía. Os meus amigos eran fillos de labregos. A miña casa estaba nos terreos onde remataron hai pouco unha residencia de ancianos. Será habitada polos que non se atreveron a emigrar e polos valentes que viviron o mundo e regresaron. Ningún deles escolleu a vida de limitacións que era o campo galego nos anos 70. Emily Brönte apuntou que todos temos a certidume de que «hai unha existencia, ou debería habela, máis alá de nós mesmos». Algúns exploraron esa certidume.
O luns, cando volvía de vacacións á miña vila, morreu John Berger. O magnífico escritor. Residía na Alta Saboia francesa. Facía libros sobre a dificultade dos granxeiros para sobrelevar a vida rural como unha bonita poesía tráxica.
Eu tamén plantei patacas e amorodos por diversión. Eles non vían atractivo en volver á casa co lombo dorido e as mans sucias de terra. Nunca me atrevín a contarlles que o facía para ser un deles. Tratei de equiparar o meu pracer de apañar patacas coa súa obriga familiar de facelo.
Berger atribúe a un personaxe seu de Porca terra (Rinoceronte), un campesiño, a afirmación de que «os meus fillos non traballarán a terra. Queren ter as fins de semana libres e vacacións e un traballo fixo. Gústalles ter un cartos no peto para poder gastalos. Michel foi traballar nunha fábrica. Edouard traballa nun comercio». Dous amigos meus traballan na industria, outro ten unha empresa de mobles de cociña; mesmo un estudou arquitectura técnica cunha bolsa. Manuel era o máis intelixente de nós. Nunca sentín un lamento dos pais porque non traballen a terra.
As súas leiras no barrio están agora ocupadas por chalés. O venres escoitei na Radio Galega que «cada vez máis mozos se incorporan ás explotacións gandeiras». O locutor daba a noticia dese fracaso co mesmo ton triunfal que cando anunciaba a toma dunha cidade ao DAESH.
A miña visión do campo está máis cerca da que describe Emily Brönte en Cumbres borrascosas (1847), que ando lendo estes días na edición de Penguin Classics. Cando o Señor Lockwood chega ao lugar descríbeo como «un paraíso para un misántropo», un lugar para gozar dunha soedade buscada. A partir dese arranque, Brönte nos conta unhas vidas desoladas e brutais.
A ollada idealista de John Berger lémbrame máis ao Chíchikov, da novela Almas muertas (Alianza), de Nicolai Gógol. Chíchikov vai polas aldeas comprando almas mortas —campesiños falecidos sen que se rexistrase o seu pasamento—. Cada alma morta era unha mellora na subvención que daban na Rusia dos zares aos terratenentes. O balance entre o que gasta Chíchikov en comprar nomes de labregos finados non lle sae a conta, pero soña con ser propietario dunha grande extensión de terreo.
Percibo que o feito de que os nosos rapaces queden no campo non ten que ver cun proxecto vital, senón cunha resignación laboral. Xa non temos porto de acollida, como Bos Aires foi para Blanco Amor. O galeguismo que vibrou na cidade arxentina decreceu ata ser unha nostalxia que se apaga á luz de catro candís románticos.
Otero Pedrayo é unha figura de museo de cera, aínda que el puido pensar que era o autor de As mágoas do mozo Werther (Galaxia) e que había de ter un Eckermann que lle dedicase un tomo de memorias como Conversaciones con Goethe (Acantilado). Leo no Facebook de Chamádeme Ismael que Blanco Amor lle propuxo a Otero Pedrayo un libro de conversas. «Non pretenderá ser vostede Eckermann», desprezou o divo. «Non, tampouco pretendo que sexa vostede Goethe», respondeu Blanco Amor.
Entre mentres, as marchas siguen. O xoves lin carta de despedida de Víctor Freixanes como director de Galaxia. Freixanes —podo dicilo agora que marchou— fixo un traballo estupendo: aplicou a imprescindible renovación da editorial con valentía e acerto, e abriu unha soberbia liña de traducción. O seu erro foi mirar a Bos Aires, añorar o galeguismo austral e montar a editorial en castelán Mar Maior.
No texto de adeus, Freixanes solicita apoio para o seu sustituto, Francisco Castro. Debemos darllo, polo ben do país. O proxecto do novo director é unha incógnita que precisa tempo para resolverse. Galaxia, como boa parte do sector editorial, proponse emigrar cara ao libro intanxible. A lectura dixital en galego é o novo Bos Aires.

Publicité
Publicité
Commentaires
J
O reintegracionismo é o único futuro do galego, pero un futuro débil.

Eu tiña entendido que Galaxia era de capital galego, que arestora está nas mans da Penzol. Unha cooperativa de traballadores non vai mellorar a situación.
Répondre
B
Ou sexa, que nin o mentamos o reintegracionismo como futuro do galego. Deixémolo esmorecer no provincianismo da norma isolacionista á sombra de Madrid.

Nin mencionemos a remota posibilidade de que Galaxia pase a capital galego ou das súas traballadoras.

Que cegueira...!
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité