A Festa de Despedida da Clase Media resultoume ben curiosa. Eu dérame coado na Casa Branca ata a parte máis discreta, onde está a piscina. Para aquela tarde deste verán prorrogado como o presuposto dun goberno en minoría montaran un estrado sobre o que cantaba Rihanna. Na primeira fila, acoutaran un espazo para John F. Kennedy, que miraba con ollos iluminados e corpo rendido nunha cadeira de rodas. O expresidente escrutaba ata ao menos erotizante dos seu contorneos, ensoñado, talvez, con aquelas marabillosas festas que lle montaba o seu equipo nos anos 60, con tantos globos como rapazas, cando Jacqueline marchaba de compras a Georgetown. Cando rematou de soar o play back, achegáronlle un micro a Kennedy para que dese un discurso argumental a aquela celebración. "Convoqueivos aquí, amigos, porque quería festexar que o Soño Americano rematou, que a clase media sufriu un ERE e non haberá unha xeración máis que disfrute dun nivel de vida despreocupado. A partires de agora, unha elite de ricos dará envexa a unha grande masa de supervivintes", explicou nun discurso que me pareceu cruel, aínda que supuxen que unicamente buscaba resaltar a súa grandeza como gobernante. Aínda máis cruel me pareceu cando reparei en que a cantante contratada era unha rapaza das Barbados, a derradeira masa de inmigrantes en lograr un ascenso social.
jeudi 20 octobre 2011
RIHANNA CANTA NA FESTA DE DESPEDIDA DA CLASE MEDIA
Commentaires sur RIHANNA CANTA NA FESTA DE DESPEDIDA DA CLASE MEDIA
Nouveau commentaire