Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
19 novembre 2011

E POR QUE NON VOS DEIXADES DE CINISMOS E DECIDES LIXo?

astrid_lindgren_pomperipossaOS ESCRITORES DE literatura infantil e xuvenil somos coma personaxes de Agatha Christie: ricos, elegantes, guapos e sospeitosos da desaparición dun cadáver. Vou xeralizar: temos máis lectores (vendemos máis), agardamos pouco a que nos publiquen, tradúcenos a esgalla, gañamos premios en todo o Estado,... e temos que axeonllarnos con propósito de enmenda porque nos diriximos a uns lectores principiantes, si, pero máis frescos e lixeiros de perxuicios. Sempre se nos representa vestidos para matar, na faciana escura da lúa, como se o noso traballo fose unha hamburguesería literaria que tivese por exclusiva finalidade facer soar a banda sonora da caixa rexistradora. Calquera que saiba unha miga de narrativa, recoñecerá que as novelas da LIX galega adoitan estar mellor contadas cas de adultos e resultan ben máis entretidas, aínda que soamente sexa por non seren debedoras das ansias de transcendencia que lastran de pedantería moita da produción para adultos. Os escritores para rapaces movémonos nunha espantosa clandestinidade porque os medios de comunicación nin nos citan a pé de páxina -non pido xa unha entrevista, pero cando menos unhas páxinas fóra do Nadal-, os críticos ignoran as nosas novelas -e, cando non o fan, agrupan as críticas nun pack, como se fosemos unha promoción do Corte Inglés- e a sociedade lectora adulta nin se molesta en mirar cara abaixo por coñecernos. A cousa vén de atrás, Nabokov xa trataba de escarvar na base do prestixio de Conrad asegurando que escribía "literatura para boy scouts", unha mostra de que se pode ser un estupendo escritor e un estupendo fato. Non sempre as categorías van aparelladas. Durante anos estiven lendo, e aturando, a teoría -extravagante, como case todo nel- de Caneiro de que a presenza da literatura concebida para estudantes de ensino medio dominaba as lecturas dos estudantes de ensino medio e -aquí chega a boutade- excluíndo os clásicos dese ámbito lector. Nunca tomei ese argumento en consideración, pero mesmo el rematou por contradecirse pola vía dos feitos. Amosando unha intrépida sensatez, publicou un libro adscrito no que tan mofosa e pedantemente denomina literatura infanto-xuvenil. Este sistema literario pode absorber as biosbardadas de Caneiro, como xa absorbeu en tempos as de Alfredo Conde, pero me sorprende que unha persoa pola que sinto respecto intelectual como María do Cebreiro se sume a sinalar unha presunta imposibilidade de que a LIX e os clásicos convivan. Como autora de poesía, saberá o que rende economicamente para unha editorial un título do xénero e, como consumidora de produtos, será consciente de que, senon se fabrica un que dea beneficios non se pode fabricar outro que renda perdas. Podemos debater o modelo editorial, pero o que temos anda fundamental e felizmente nos ámbitos do libre mercado. A maiores de cuestións crematísticas, vou ser ousado e adentrarme, como pai de dous estudantes e autor de LIX, no terreo docente. Sentiría espanto se a miña filla me aparece pola casa con 'Herbas de aquí e acolá' como lectura recomendada no colexio no canto de 'Escola de piratas' que puido gozar este ano. O importante é que lea, aínda por "imposición social", claro María, que se vaia afacendo a ese goce, e que comece por algo que a emocione e que a faga sentirse identificada para que non desbote todo libro que non sexa curricular. Haberá, digo eu que non son docente, que empezar por lecturas axeitadas a cada idade, a cada madureza e a cada formación. Se María do Cebreiro pensa que un rapaz de 16 anos está preparado para comprender -non pido xa que se interese e menos que se divirta- 'Contra Maquieiro' é que ela ou eu ignoramos o que representa mentalmente esa idade. Non vou entrar xa, soamente porque non me corresponde, nese xeito interliñal de establecer un apartheid entre os clásicos e os autores de LIX. Serán Stevenson, Poe, Melville, Lindgren, Fernández Paz, Docampo, Paco Martín e outros escritores que non dan escrito máis ca LIXo quen deban perdoar a María do Cebreiro, tamén a todos os que calan o que ela se atreveu a escribir en público.



Photo: After her fairytale protest against the Swedish tax system in 1976 someone gave Astrid Lindgren a crowbar — a gift that she was meant to use to steal back her tax money from the state. Photo: Per Kagrell/Scanpix

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité