Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
15 décembre 2014

A FORZA DO NOSO AMOR PODE SER COMPLETAMENTE INUTLE

John Bulmer, Lonely Pub

 

PATRICK MODIANO asegura en Accidente nocturno (Anagrama) que «os olores son o que resucitan mellor o pasado». Discrepo. O gusto é máis eficaz ca o olfacto. O gusto saborea as palabras para extraerlles as lembranzas —as felices, as dramáticas, as emotivas—, con maior intensidade. O bo gusto.

As persoas tendemos a procesar os episodios que nos marcan na lingua materna. Ben sabemos dende hai tempo que Galicia é un país sen futuro, que as reservas do noso porvir están en Lavacolla ou mesmo no Sá Carneiro, dende onde voan os emigrantes nunha busca Interestelar de vida noutros planetas máis amables laboralmente.

O horizonte da nosa cultura xa era opaco, pero veu o Instituto Galego Estatística (IGE) para escurecernos tamén o pasado. Galicia está perdendo o idioma materno porque os galegos mudan a granel de idioma materno.
       Os desastres prodúcense moitas veces por falta de criterio, pero non é o caso. As autoridades competentes estableceron a directriz de equiparar galego e español. Discrepo. Non se poden equiparar dous idiomas de dimensións tan desiguais; non é coma poñer mostaza ou ketchup sobre a mesa para que escolla o comensal. Poñemos unha lingua con data de caducidade e outra de proxección longa, coma un iogur de Cañete.
       «Galicia, será a miña xeración quen te salve?», preguntábase Uxío Novoneyra. Pois non, Uxío, a túa xeración foi a que se aplicou con maior dedicación na apatía pola transmisión íntima do idioma. O galego é esa asignatura que os estudantes non chaman Lingua, senón Gallego.

Os datos do IGE sobre a evolución do galego son a boa nova do desastre. Aínda temos marxe para empeoralos. Menos mal que nos queda Culturgal.

Malia a apariencia, os resultados que achega o IGE teñen unha faciana esperanzadora. Invitan a deducir que o galego é un dos idiomas máis fortes dos 5.000 que aínda resisten no mundo. A proba é que aínda inspira e expira pese a que milleiros de indiferentes pásanlle por riba cada día dende hai sesenta anos. Cortázar escribiu que «os galegos respiran polo idioma». Ben, pois os galegos agora usan ventolín contra os afogos.
     O poema de Novoneyra que citei antes seguía proclamando «a forza do noso amor non pode ser inutle». Pode ser completamente inutle, Uxío. Mellor empezamos a afacernos á idea.
     Patrick Modiano conta tamén en Accidente nocturno que o lugar onde mellor se fala o francés é La Touraine, no Loira. Galicia tamén ten lugares e días contados onde se coida o galego: o Culturgal. Non me refiro tanto á calidade da lingua coma ao intento de que teña continuidade. Cada primeira fin de semana de decembro celébrase a Feira das Industrias Culturais de Galicia en Pontevedra, porque Xosé Aldea e os editores, con Manuel Bragado na presidencia da feira, están certos de que a forza do seu amor non pode ser inutle.
      Canto agradecería ser eu o equivocado, que a xeira que lles supuxo organizar 150 actos durante 30 horas mantivese a inercia ao longo do vindeiro ano.
     Espero que o cariño inesgotable que supón en promover e participar no Culturgal teña cando menos a utilidade de emanar os discos e libros que se presentaron. Aínda temos quen confía en que o amor pola literatura infantil e xuvenil pode salvar o noso idioma indíxena, como son Ledicia Costas e Daniel Landesa. Ambos os dous deron a coñecer a resvista especializada Criaturas.

O amor debe de ter a súa potencialidade. Alfredo Conde asegura que o librou dunha doenza grave. Eu téñolle maís fe aos médicos e á química cás emocións, pero cada quen reza aos seus santos. Conde, indico a quen non o coñeza, é un dos escritores máis brillantes do noso Decadentismo. O autor vén de quitar un libro de poesía en galego e español para que «el lector decida». Ketchup ou mostaza, que cada quen colla o bote e se serva. O poeta nada decide. A lingua tanto ten. Non hai criterio. Peculiaridades do Decadentismo e de Alfredo. E paréceme correcto; fundamentalmente porque non leo poesía.
      Un dos apartados máis interesantes do Culturgal foi o musical. Nisto andamos sobrados de propostas orixinais. Mercedes Peón xa non é sorpresa e Sés, tampouco. A Nelson Quinteiro xa o admiro dende as primeiras noticias que tiven da Orquestra Gharbo.           

   Uns días antes de que 14.450 espectadores pagasen por acceder a cultura galega, había escritores e ilustradores gozando dun paso do ecuador en Guadalajara.                            

      O máis emocionante foi o concerto de Alonso Caxade coa banda de música de Bandeira. O concerto máis singular, sen dúbida. Non menos suxestivo é ese xeito valente que Guadi Galego tivo de transcender o berrogüetismo e máis o nordestismo. Inaugura o postguadismo con Lúas de outubro e agosto, un glorioso disco que xoga co pop sobre unha base experimentada de tradición.
     «Canto en galego por sentimento e posicionamento coa lingua», afirma a cantante. Nin ela nin Mercedes Peón, nin Sés, nin Nelson Quinteiro, nin Caxade ofrecen ketchup e mostaza nas seus propostas. Teñen criterio.
      Uns días antes de que 14.450 espectadores pagasen por acceder a cultura galega en Pontevedra, había unha presada de escritores e ilustradores gozando dunha viaxe de paso do ecuador na Feira do Libro de Guadalajara. Nunca fun quen de atopar a rendabilidade destas excursións. Os enviados a eses certames internacionais pasan menos desapercibidos ca os visitantes porque levan unhas tarxetas plastificadas balanceándose no peito. O gasto é cativo; a repercusión, proporcional.
    Na promoción exterior da nosa cultura deberíamos afinar no equilibrio de dimensión, interese e continuidade. Os tempos orzamentarios non están para fletar trasatlánticos, pero tampouco para lanzar salvas que nin se escoitan nin se ven, que deixan o mesmo pouso lévedo dos poemarios bilingües.

Photo: Lonely pub. John Bulmer

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 438
Publicité