MASCOTE NON É UNA PALABRA XAPONESA
GÚSTAME acompasarme coa luz do día. No verán debo madrugar para gozala ao amencer; pero agora, na invernía lúgrube, podo xirar sobre min mesmo na cama como se fose un polo que asa a lume lento. Erguerme cedo dáme tempo para ler. O xoves, por exemplo, gocei dun cómic-disco de Berlai mentres fervía o café. Ese acougo prepárame para o tempo inevitable e pesado de exprimir zumes de laranxa como se fose o cociñeiro dun exército invasor. Menos mal que os Rolling Stones quitaron disco, Blues & Lonesome e puiden poñelo no Spotify máis alto que o volume do exprimidor.
Este luns volvín a Adiós a la filosofía (Alianza) de Cioran. Hai que ler ao filósofo romanés segundo vai clarexando o día. Se o les anoitecendo dá ganas de baleirar un bote de Trankimazin a gorxa aberta. Nun texto de A tentación de existir (Gallimard, 1956) carga con baioneta contra o ton confesional de diarios íntimos e novelas preguntándose «que interese pode presentar contar unha vida?». Alega que «non imaxino a Dante ou Shakespeare rexistrando os miúdos detalles das súas vidas para poñelos en coñecemento do público». Pero eses detalles teñen interese, Cioran.
Cando rematei de esmagar laranxas saín á rúa para tomar un café nun bristró con Óscar Alba. Cóntame un detalle do arquitecto Alejandro de la Sota. Traballaba na casa. Botaba a xornada laboral tocando o piano en pixama e debuxando croquis a lapis en papel cebola. Por volta das sete da tarde, chegaba o aparellador para recoller os bosquexos e dignificalos en tinta chinesa.
Tras despedirme de Óscar parei en La Catedral, de Jorge Espiral. O galerista amósame un cadro precioso de Arturo Souto, unha vista de París que non recoñezo. Dan ganas de asomarse por un dos apartamentos do óleo para contemplar a praza que se ve na obra, cos seus paseantes e o seu carrusel. Cóntame Espiral que Souto, que se exiliou co seu republicanismo, enviaba cadros a España. «Cando facía prazas de touros pintáballes a bandeira republicana e aquí tiñan que repintalos para tapala».
De camiño ao xornal o martes atópome con Álvaro Villasante. O talentoso cociñeiro xurde na Praza do Campo fantasmagórico, difuminado pola néboa. A brétema de Lugo ten un recendo fresco que a fai singular.Coméntoo con Marta Veiga na redacción e ela revélame que inspirou o perfume Néboa aos de Arenal. Álvaro ten a grandeza de recomendarme un restaurante que non é o seu. Louva un xaponés montado na Coruña, o Hokuto. Destaca o sushi.
Mascote non é unha palabra xaponesa, pero esas tres sílabas e a rotundidade da palabra axudan a que o pareza. O xoves acudín a un club de lectura en Foz. Ramón Hermida, que leva a historia da costa de Lugo escrita nas liñas da man fálame do Mascote, un boniteiro da Guerra Civil. Nunha marea foi sorprendido por un destrutor polaco que dera escapado do Danzing de Günter Grass. Navegaba para a armada británica. Os polacos entenderon que os tripulantes mariñanos espiaban para os alemáns, puxeron dinamita no Mascote e descendérono ao fondo do mar.
As mulleres e as nais dos tripulantes cubriron a dor de loito no porto de San Cibrao. Aos tres meses, os mariñeiros do Mascote apareceron de novo. Estiveran detidos en Plymouth ata que os británicos se convenceron de que nin leran a Graham Greene.
O venres empecei o derradeiro de Günter Grass De la finitud (Alfaguara). Foi o seu libro de despedida. Fala da súa decadencia cun ton burlón que busca a compaixón do lector. Enervante. Abandono a media lectura e límitome a contemplar os seus debuxos a grafito.
Prefiro ler as reflexións cínicas de Ciorán e imaxinar a Alejandro de la Sota facendo un croquis do Pavillón Municipal Deportivo da súa cidade, Pontevedra. «Si no se hace alegremente no es arquitectura. La emoción de la arquitectura hace sonreír, da risa. La vida no», dicía. Agora que se cumpren vinte anos do seu pasamento, Pontevedra debería rescatar de Madrid o seu legado. Mentres, no Spotify soa Blues & Lonesome, dos Rolling Stones. Logran convencerme de que, tras trinta anos de facer caixa, fixeron un disco.
O xoves lera a información de Marta Veiga sobre o primeiro álbum de Belai, a banda de Xiao Belai, o ex de Fía na Roca. Préstame o traballo: Desconhecido (Axouxere). Leva un cómic. Belai conta a historia dun seu tío avó que renunciou ao mundo, ao demo e á carne porque lle prohibiron casar coa súa namorada. Pechouse nunha casa para deixarse ir. O seu corredor da morte estaba infestado de insectos, humidades e miseria; mesmo eran miseria as bolsas de lixo cos milleiros de pesetas e euros da paga non contributiva. Botamos a vida asumindo que non se cumprirán as nosas ambicións infantís, pero, asemade, vivimos. O tío avó de Belai negouse todo o que puidese distraelo do oficio de morrer.
Cando remato o cómic de Belai, volvo a Ciorán: «A morte é demasiado exacta, ten todas as razóns da súa banda». O tío avó de Berlai tivo unha morte exacta e mesmo pode que feliz. Atopárono abrazado a un xersei da namorada. Gústame ese detalle de consolo.