Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
18 juillet 2014

O ASNO DE BALAAM

david-hockney-19761-Robert-Mapplethorpe

O paseo desta mañá estivo cheo de provocacións. Saín dende a miña casa na baixada ao peirao de Porcillán, que usaba Alfredo Deaño nos seus exemplos da Introduccion a la lógica formal (Alianza), que tanto lle prestaba ler a Leopoldo Calvo Sotelo. O paseo empuxoume cara ás aforas de Ribadeo, onde me criei, un chisco ao sureste da que foi a miña casa e que nestes días é un burato de bombardeo serbio en Bosnia-Herzegovina porque van facer unha residencia para idosos. No barrio de Garitos, por tras do arquitectónicamente rigoroso cuartel da Garda Civil -deseñado con intelixente planta de cruz grega para garantir luz en todas as dependencias- atopei un galpón feito por agregación de táboas, pracas de chapa e, o máis provocador, dúas portas dun camión frigorífico que percorreron Francia con material da empresa Giraud. O desleixo deste país irrítame, pero temo que non daría vivido noutro. Na volta para a casa pasei por diante do meu colexio, un centro de monxas pintado en branco no que un clandestino pintou en negro: “Cristo era muller”. Daquela, pensei no que lera na noitiña de onte a Arnold L. Davidson en Religión, razón y espiritualidad (Alpha Decay), que comentaba a afirmación de Lutero de que, “se Deus falou a través dun asno contra un profeta, por que non había de falar a través dun home piadoso contra o Papa?”, en referencia ao Asno de Balaam (números 22: 22-35). Tras a provocación de Lutero e a do anónimo femenizador de Xesús, cadroume sentir unha conversa de turistas que falaban un español aséptico considerado en función do acento. “¿Y cómo estará la marea?”, dicía unha señora. “¿Qué marea?”, contestou un home mediado na vida. “Aquí el mar sube y baja mucho. Para visitar la playa de Las Catedrales es mejor hacerlo en marea baja”. Moitos turistas pensan que a praia de Augas Santas, agora de As Catedrais, ten horario continuo coma El Corte Inglés. “¿Qué marea?” Deus non se enganaba cando elixiu ao Asno de Balaam.

Photo: David Hockney by Robert Mappelthorpe

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité