Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
25 juillet 2014

OS SIMULACROS PARA CANDO CELEBREMOS O DÍA DA PATRIA

014seminarioestudosgalegos

A pantalla do meu portátil é cativa, aínda que ben entran 17 heroes. Posan nunha foto do Seminario de Estudos Galegos que é unha pre-foto. Os persoeiros que aparecen figuran nun estadio anterior a, nun antes de. Hai catro rostros que me chaman: Risco, con cara de perplexidade antes que o soterrase o pánico; Otero Pedrayo, a quen un sombreiro fai sombra etimoloxicamente, albiscando o disgusto que lle supuxo o compromiso; Carvalho Calero, co xesto desafiante co que despois enfrontou os desafíos da barbarie franquista, e Filgueira Valverde, cun sorriso esperanzado sobre o futuro (o seu futuro concreto?) As súas expresións son premonitorias, anuncian destinos cumpridos. Mesmo, Filgueira. Chorou os sete chorares a morte do seu íntimo Alexandre Bóveda. Porén, soubo repoñerse ata o punto de integrarse felizmente na organización paramilitar que comandaba Franco. Cantas explicacións innecesarias e incribles lemos estes días. Reveladora é a entrevista de Gustavo Luca de Tena ao protagonista do tema do heroe e o traidor borgiano: “Eu era buen chaval, apureime nas Cortes porque había uns facendo fotocopias contra o galego,...” Presume como se fose o primeiro en saír da trincheira coa baioneta calada. Calado estaba mellor. Calado para sempre. Pero o 17M a RAG vai darlle voz nun acordo innecesario.

Préstame mirar esa fotografía da derradeira unidade do galeguismo (na súa versión non deturparda nin rebaixada nin costumizada: nacionalista-independentista). Nunca máis se deu. Neste extremo do país, en Ribadeo, (onde todo conduce a crese nun porto da Commonweatlth) escoito na nosa BBC a ringleira de actos que van espallar un 25 de xullo máis o nacionalismo. Dá reparo, pena, enumerar a cantidade de Días das Patrias que se van celebrar hoxe. A gran compañía dramática nacional, con todo ese alento que andou cerca e no goberno, acabou repartida en monologuistas. Todos eles tensarán o rostro, farán muíños de vento cos brazos, vogalizarán soflamas exaltadas (interrompidas polos aplausos) sobre Galicia, a opresión española, o padecemento das clases traballadoras, a lingua esmorecente,... é o día da estrea no que se ensaia todo o ano.

Especialmente destacado será hoxe o discurso da unidade, cada quen dende a súa singularidade inamovida. Acórdame a eses simulacros que fan Sara e Antón no colexio por se hai un incendio algún día. Hoxe as formacións soberanistas ensaiarán unhas varietés por se algunha vez hai un Día da Patria. 

No canto de berrar de cantón a cantón, deberían conversar cara a cara a voz mansa, dar a benvida ás cousas que están acó abaixo e coñecérense as iniciativas para colaboraren antes dun ano, polas eleccións municipais, e antes de dous, polas eleccións españolas. O nacionalismo xa regalou á esquerda estatal a construcción de Esquerda Unida, que sobrevivía en latencia mortecina ata os últimos comicios rexionais, e agora vai regalar os seus contados espazos de poder a Podemos. Interpreto ese nome etimoloxicamente: Podemos non como posibilidade de cambio, senón como sustitución das elites do poder. A nova política fronte a nova política, din; como se dende os gregos non fosen o mesmo. Nun Círculo da maior cidade, ao sur, Podemos incluíu na orde do día: “Conveniencia del uso del gallego en los comunicados”. Unha deferencia castiza cara aos falantes e á cultura do país que os honra.

O único movemento sólido na procura da inadiable unidade do galeguismo que se sitúa por riba do confortable autonomismo que gozan os minguantes cargos públicos dos nacionalismos estase producindo no lugar máis inesperado, na deostada Coruña, no lugar galego do que máis desconfiamos. Mesmo parece un chiste: tantas foron as chanzas sobre a bandeira rojigualda que izou wagnerianamente Paco Vázquez en La Coraza. Unha proposta encamiñada a realizarse positivamente agroma baixo un retoricismo e un teatralismo que me parecen supérfluos. Marea Atlántica, fico á espreita.

Publicité
Publicité
Commentaires
J
;-)
Répondre
X
Non che sei se ten que ver algo o requiem soando no fondo, pero me sinto como recén saido do jacuzzi que nunca tiven o beneplácito(!) de usalo...tampouco o do nacionalismo, por certo! Graciñas, por estes cabareteiros momentos...
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 439
Publicité