A VIDA DE GEORGE BAIEY SEN GEORGE BAILEY
Nunca mirara La vida es bella de Frank Capra. Incomódame o titulo. La vida es perra, sería máis convincente. Non quero ser inxusto: a vida é tan fermosa e tan fea como sentenza McBeth. Comecei a mirar a fita porque ma propuxo TCM e porque me suxería un paseo virtual pola América dos anos 40, cos seus fascinantes teléfonos pesados e negros, e o seu ridículo baile de charleston. Despois, fun comprobando que Capra sabe conter a efusión de sentimentos maniqueos que pon en xogo elaborando unha película de xénero para unha época do ano, o Nadal. O cambio de ano é o tempo máis cruel. As incomodidades do clima fórzannos a colaborar entre nós e a sermos comprensivos. Unha trama de desafiuzamentos, despedimentos e hipotecas sen abonar non tardou en aparecer achegando o film aos nosos tempos con tanta eficacia coma os anuncios de Coca Cola que se deixan ver subliminalmente en toda a proxección. O único elemento que me disgustou é a solución platónica que usa Capra para superar a quebra que padece o banco crediticio do seu protagonista, George Bailey (James Stewart). Non pode ser que un barrio arruinado quite de súpeto de non se explica onde montes e moreas de billetes para salvar o banco de Bailey. Con todo, a cinta ascende en interese contra o final, cando o protagonista sofre unha alucinación co que tería sido a súa vida sen el, é dicir, a vida dos seus familiares e amigos exenta da súa influencia. Capra usa ese recurso manido (o soño, como solución a tantos relatos pésimos) para conducir ao espectador cara ao final e convidalo a que saia da sala convencido da importancia que ten a súa existencia nas personas que o rodean, recreándose na necesidade de que el ocupe o seu lugar no reloxo da vida. Eu quedo, dende un punto de vista menos egocéntrico, sorprendido pola reflexión de que cada un de nós cambia de rumbo das vidas doutros.