Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
22 novembre 2014

O PRESTIXIO REMOTO DOS OSOS POLARES

http://i.imgur.com/tBQ9a3X.jpg

(Texto escrito para a mesa redonda do Simposio O libro e a lectura nos medios da Asociación Galega de Editores do 20 de novembro de 2014. Participaron Carme Vidal e Xesús Fraga, moderou Manuel Bragado)

Hai uns días atopei en Twitter unha fotografía de 1950. Mirábase un escuro tanque ruso no medio dunha paisaxe pálida de xeo. Un soldado ruso sacaba medio corpo pola torreta e daba de comer a dous osos polares brancos. No pé de foto informaba de que era leite condensado. Todos queremos que siga habendo osos polares e que alguén alleo e descoñecido asuma a responsabilidade de buscar carne e leite condensado para darlles de comer.

Os escritores e os editores asumen ese esforzo de garantir que siga habendo libros. Alfred Döblin, o escritor, comentaba que “o editor mira cun ollo ao escritor e con outro ao público”. O escritor Max Frisch explicou acertadamente a angustia que lle provoca ao editor a súa relación co escritor tras unha visita á Feira de Frankfurt: “A diferenza entre un escritor e un cabalo é que o segundo ignora a linguaxe dos tratantes”. Robert Walser coñecía ben esa linguaxe: “Os editores non me publican porque publicaron aos meus colegas e deixáronos sen cartos para publicar a Walser”.

Pensen no que lle aconteceu a Göschen, editor de Schiller, cando lle preguntaron polo escritor máis importante do seu tempo e citou a Christoph Martin Wieland: deixou de ser editor de Schiller.

Os editores siguen confiando nos xornais coma fonte de autoridade e continúan enviando os seus libros por ducias aos xornais coma se fosen multitudes de espermatozoides cegos que se deixan guiar polo impulso recibido sen ser sequera conscientes da súa misión: atopar un óvulo, é dicir, fecundar unha aparición nun xornal.

Eses libros chegan as mesas dos periodistas. Segundo se entra na redacción pode saberse cal é a mesa do redactor de Cultura. É unha mesa na que hai tres montóns: un grande, un mediano e un pequeno. O grande son os libros que recibe, o mediano son os libros que vai reseñar e o pequeño son os libros que pretende ler. O criterio para que un libro estea no primeiro ou no segundo montón é A quen lle vai interesar isto? O criterio para o segundo é Isto interésame a min.

Os axentes culturais xurdidos tras os estertores da ditadura inflamáronse de positivismo postfranquista. Comprobaron que contaban con grandes masas alfabetizadas por vez primeira na Historia do noso país e asumiron a responsabilidade de elevalas dende a comprensión lectoescritora á cultura. Esa xeira tratou de vehiculizarse a través de colecciones populares de libros -vistas como banzos intermedios cara aos textos complexos-, a través da promoción da lectura en campañas institucionais e nos medios e a través de actividades nas bibliotecas. Tratamos prestixiar a Cultura, popularizándoa ao tempo. Cultura e popular son termos diversxentes. A pretensión acabou situando a lectura coma unha esfera hermética e inalcanzable.

O problema xa non é que a esfera estea demasiado alta para as expectativas que pode cubrir alguén que teña a vontade de ser lector, o problema é que non existe esa vontade. A maioría da poboación considera ler como unha perda de tempo que, por riba, incómoda e gravosa. Por que ler? Para que ler? A burguesía, que é a nosa vangarda cultural dende o século XIX, separou a formación da cultura ao centrarse nun coñecemento concreto cunha fin profesional e trasladou o seu interese de ocio cara a actividades tan frívolas coma correr 12 quilómetros no menor tempo posible e en ser capaz de interpretar un catálogo de viños.

Aínda así, unha parte desa cidadanía está disposta a facer un investimento en lectura. O problema é en que investir eses cartos. Que ler? As editoriais detectaron ese interese por un acceso leve, parcial e barato á lectura por porcións da poboación e decidiron facilitar o acceso a esa esfera de prestixio, a ese ámbito de presunción e homologación social que é como o círculo polar ártico, onde viven os últimos osos brancos, que debemos salvar, pero mellor se o fan outros porque vai demasiado frío e todo é un páramo branco.

Como logran que a xente lea algo e se senta ben en canto a que pode presentarse diante da familia e dos amigos como lector? O acceso á lectura vén facilitado por actividades máis simples e pracenteiras: a cociña, a televisión ou a música. Os éxitos editoriais deste Nadal van ser o novo libro de receitas de Benigno Campos, a autobiografia de Superpiñeiro e a biografía de Los Suaves. Non estou reprochando, son tempos de primar o equilibrio contable. Pero trato de facerlles ver que os referentes para os lectores son os cociñeiros, as estrelas televisivas e os músicos. Os contidos que achegan son periféricos á cultura expresada nun texto. Se vostedes preguntan por persoeiros galegos, ninguén vai citar a Ferrín ou Rivas, ou a Suso de Toro; non vai saír o nome dun escritor por populares que nos parezan os que veño de citar.

Neste punto regreso ao asunto sobre o que se nos pedía que reflexionásemos sobre o libro nos xornais. Ben, pois eses libros que interesan; que contan co atractivo da popularidade lograda na maioría dos casos por aparicións televisivas, son os que estarán no montón de libros a reseñar e aparecerán nos xornais. A poesía, o teatro e a maior parte do ensaio non venden, e, polo tanto, non aparecen, e, polo tanto, non venden. O círculo polar ártico da promoción cultural non se abre porque temos unha sociedade con estensos e satisfeitos niveis de incultura.

O sociólogo Christian Baudelot publicou un libro a principios do século Et pourtant ils lisent (E aínda len) , no que recoñecía que “a práctica da lectura xa non é obxecto dunha avaliación e dunha lexitimación tan fortes como hai trinta anos. O libro deixou de ser a fonte de coñecemento e de pracer que puido ser para algúns. As outras fontes son a televisión, os ordenadores, as consolas de xogos, os teléfonos intelixentes,... E os novos soportes modifican o comportamento dos seus usuarios: Fanse varias cousas ao tempo, e cada vez durante menos tempo a mesma cousa”.

A maiores deses libros que entran no círculo televisión-edición-xornais-edición-televisión hai unha importante poboación de lectores potenciais que ignora esa cadea porque nin ve a televisión xeralista nin le xornais. As novas xeracións len máis ca nunca, pero non fan lecturas canónicas e únicas, senón que practican unha lectura múltiple, breve e voraz. O libro en papel é unha caixa que pecha e que ailla, e os rapaces síntense incómodos nel porque lles parece limitado e torpe. Son incapaces de percibir todas as capas de comprensión lectora que caben dentro de un libro de papel. Non queren estar quietos, queren esvarar suavemente dun contido a outro, como observa outro sociólogo, Olivier Donnat. Saen da caixa lectora e se desprazan nun monopatín que os leva dun contido a outro perseguindo o mito dunha diversión infinita. O acto de ler mantén a súa relación co código, pero xa non ten que ver co libro.

A autoridade que nos queda é a capacidade de selección dos editores, en canto a que introducen determinados textos na cadea lectora. Unha autoridade danada e incompleta, porque moitos libros entran no sistema pola mera vontade dos escritores. Os xornalistas especializados en lectura e os críticos quedaron sen voz, están afónicos. As bibliotecas son vistas como almacéns de papel.

Antes de que internet nos abalase os barcos, navegabamos polo Mediterráneo da cultura clásica, onde tiñamos o control de todos os elementos da nevegación. Estabamos encerrados nun presente que nos parecía continuo e descubrimos que estabamos no medio do Atlántico bravo e incerto da cultura moderna e internacional cun GPS que toleou. Estamos no medio da galerna e temos que desmontar o barco e volver montalo de acordo aos novos mares e as novas normas. Ben, seguimos tendo a capacidade de fornecer textos dos escritores, o criterio e a capacidade de risco dos editores, a dotación de infraestruturas e de persoal das bibliotecas, os medios de comunicación continúan asomando no océano da internet. Ben, soamente nos queda mellorar o entendemento entre nós, tratar de comprender as novas regras e imitalas para adaptarnos a este presente.

 

Photo: Soviet soldier in a tank, feeding condensed milk to polar bears (1950)

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité