Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
27 août 2015

UN SACO CONTRA O QUE GOLPEAR

Dende que cumprín 50 anos o meu pelo mantense como estaba, non cae pero non medra. Pásame como á UPG; que cumprín cincuenta anos, digo. O pelo que me fasciunou dende neno foi o da miña avoa paterna, Juana Isasi. Era branco, solto e lixeiro como a cola do cabalo que montaba o seu fillo Juan con furia parasitada ao Deus do Vello Testamento para matar bolcheviques na fronte de Novgorod. A miña avoa morreu en xaneiro de 1969, cando Nixon estreaba a gravata dominical de presidente dos Estados Unidos. Juana nunca soubo quen era Nixon, pero a apostólica da miña avoa e o cuáquero republicano teríanse caído ben se el fose quen de conversar en euskara. A derradeira lembranza que teño da nai do meu pai é o cheiro agrio a morte mesturado con aire de caramelo de eucalipto. Eu acudía visitala ao seu trono de sabas almidonadas despois de que tomase os bafos para o catarro cunha pota sobre o ventre de maternidade apodrecida. Ela regalábame caramelos. O idioma dos doces furaba o meu padal co seu frescor e falaba entre nós máis ca o inglés de Nixon.

O Bloque lémbrame á miña avoa. Juana nunca me ensinou a frase de Ernest Jünger: "Algunhas mentes brillantes pertencen a épocas antigas da Historia", pero nin sequera sabía quen era Nixon, mesmo sendo un protestante tratable, como para saber quen era Jünger. Non deixa de conmoverme esa expresión de xerontocracia e exasperación que o Bloque presenta como o Gran Salto Adiante. Esmolear o agarimo interesado de partidos non maiores ca unha miga de pan é humillante.

A unidade é un dos ídolos da tribo galega. Unidade, din Anova; condicionada porque Beiras é demasiado vello para esperar. Unidade, din os partidos tradicionais de cabeza tractora madrileña: Esquerda Unida e Podemos. É a hora do pobo, síntolles; como se o pobo non levase corenta anos votando ao PP e ao PSOE coa conciencia resignada de que as votación do Congreso funcionan con piloto automático. Hai uns meses houbo un grupo de valentes e xenerosos -algúns amigos, como Xabier Docampo e Xosé Manuel Pereiro- que decidiron consagrar as súas intelixencias, as súas forzas e os seus tempos a volver cocer ese golem de barro que é a dignidade representativa de Galicia. Admiro a súa limpeza de ánimo, admiro a súa entrega a este país insolente e desagradecido. O meu tío Juan montou nun cabalo de cola branca e ancha como o pelo da súa nai para traer ao seu país español o Ouro do Rhin que os republicanos regalaran a Moscú. Eu nin sequera me situei tras Docampo e Pereiro. Quéroos, pero os ollos quedáronem secos de ver telexornais de malas noticias.

Paralemamente, empezou a artellarse outra candidatura con eses comandos de Vigo e Ferrol que chamarei Esquerda Unida para enterdermos; con ese BNG de Playmobil que lidera Beiras e con esas asambleas de vinte persoas que pensan que unha carreira política pode ter como base a formación adquirida ao abeiro dunha tenda Quechua: a voz da cidadanía, non nos representan e todo iso. Podemos pretende que o futuro do meu país veña remitido por Seur dende Vistalegre (Madrid, Reino de España).

En Galicia reconfórtanos desconfiar os uns dos outros nas oficinas, conspirar en grupos reducidos nas cafeterías e xuntarnos no campo da feira -espazo simbólico nacional- para unha grande e fugaz enchenta no día do Patrón. Como somos un colectivo que avanza por incercia e bipolar, ao cabo teremos unha única candidatura de unidade dividida en dúas seccións que permitirá novamente que se nos goberne paternal e comodamente dende Génova e Ferraz, que é onde nos escriben os nomes aleatorios dos nosos deputados e senadores.

Con 14 anos, malia os caramelos catecuménicos da miña avoa, eu era anarquista: "As normas deberían ser internas e éticas para todas e cada unha das persoas, ninguén debería impoñelas a outro", pensaba daquela. O indivualismo libertario non é un país para vellos e eu xa teño a idade da UPG. O anarquismo dos que  pagamos seguro de vivenda e cambios de rodas de coche cada dous anos acaba en liberalismo. Esta nova frustración dun proxecto común paréceme un saco de boxeo colgado do teito contra o que envorcar a furia que me provoca este país tan chosco, tan egoísta, tan miserable.  

Photo: Ed van der Elksen. Paris. Circa 1960

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 438
Publicité