Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
14 février 2016

OS NOSOS ESCRITORES COÑECEN OUTRAS GASTRONOMÍAS

ÉRASE UNHA VEZ un país moi lonxano no que un rei coordenaba a actividade parlamentaria ante a incapacidade dos partidos para formar goberno... Bah! Ese conto non me gusta. Voulles contar outro. Unha noite de néboa camiñaba por Santiago. Para ver Eyes wide shut nun cinema tivera que desprazarme dende Lugo á capital. Cruzaba Praterías en dirección ao aparcadoiro, cando se me atravesou unha figura alta vestida de negro, cun sombreiro milanés do século XVIII e a cara escondida por unha máscara de antroido veneciano tan cursi como todas as máscaras venecianas. O intruso anuncioume: «Imos convidalo a entrar no Pen Club. As intrucións están neste sobre, pero non o abra ata chegar a Lugo».
Eyes wide shut é un suxestivo filme de Stanley Kubrick, un director que pasou á historia por 2001. Unha odisea no espazo, unha película capaz de ralentizar unha dixestión. Pero non lembrei o acontecido en Praterías por ese filme, senón polo blog O Levantador de Minas, de Alfredo Ferreiro. As persoas intelixentes e que transpiran lecturas, como Alfredo, fascínanme tanto como os aparecidos ou as sociedades clandestinas. O pasado luns linlle a entrada Por que calamos @s escritor@s? a respecto do Congreso Internacional de Escritores que está preparando o Pen Galicia en Ourense para outubro.
A Ferreiro espértalle pouco entusiamo o Pen galego. Escribiu que «polo que teño ouvido, son menos de cen membros, mais non coñezo ningún sitio onde poder consultalo na web. É,polo que parece, un clube moi apoiado institucionalmente, mais de funcionamento opaco e caprichoso». Buf! Gústame esta valentía. Non podo dicir se concordo porque ignoro a oferta de actividades e tarxetas de descontos que ten o Pen Club.
Érase unha vez nun país lonxano que un señor escuro con sombreiro milanés, como os que saen en Eyes wide shut, deume un sobre para facerme membro. Metíno nun exemplar de Myron, de Gore Vidal en Grijalbo. Levábao na man e debeu de esvarar entre as páxinas de camiño ao aparcadoiro de Xoán XXIII, onde tiña o coche, ou foi unha ensoñación tras saír do cinema en Compostela. A descrición do Pen Galicia como organización penumbrosa animoume a pedir novamente o formulario, aínda que advirte Alberto Ferreiro de que é «un club selecto no que soamente se entra por convite dunha elite de socios».
Leo nese mesmo artigo de O Levantador que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) caracterizase polo «asamblearismo» e a «transparencia». Nada máis soporífero que un club ao que pode pertencer calquera e que informa de cada actividade que fai. Tan aburrido como 2001, unha odisea no espazo. Fun socio da AELG e coñecer as súas actividades alentoume a deixar de selo.
O martes estiven seguindo os resultados do Caucus de Iowa, que me excita intelectualmente máis que os asuntos graves que preocupan aos colectivos de escritores galegos. Como cada ano electoral nos Estados Unidos, busquei a CNN en internet e baixei ata a Biblioteca Nodal para coller novelas de Gore Vidal. Na CNN en inglés sigo comprendendo unha palabra de cada cinco, pero nas obras de Gore Vidal sempre aprendo sobre política norteamericana. Nada aprendín con Myron, que é ridícula.
O mércores informeime de que imos enviar unha remesa de 25 escritores á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que estará dedicada a Santiago de Compostela. Paréceme gratificante mandar os nosos autores a coñecer sabrosas gastronomías e participar en exultantes xogos florais. Os lectores bonaerenses formarán longas colas de lagartixa para conseguir libros en galego dedicados polos nosas figuras literarias. Con todo, non deixo de preguntarme —e de preguntar a Anxo Lorenzo— se unha oficina de tradución non sería máis eficaz para internacionalizar a nosa literatura.
Había un documental do 2015 que pasara sen pena nin gloria pola miña vida e que descubrín o xoves pola noite. The best of enemies conta os debates que organizou a cadea televisiva ABC co gallo das eleccións norteamericanas de 1968. O convidado para o proxecto foi Gore Vidal. Encargáronlle argumentar o punto de vista demócrata, con Humphrey de candidato. Pedíronlle un nome conservador para defender as posicións republicanas, con Nixon como valedor. Designou a William Buckley, a intelixencia maior da dereita norteamericana. Non errou porque Buckley defendía o seu privilexio de clase cunha sinceridade insultante. Enfronte estaba Gore Vidal, obsesionado por facerse perdoar ser fillo da mesma elite supremacista da que procedía Buckley con soflamas socialdemócratas. Vidal personificou a súa loita interior na novela Myron (1968), que protagoniza o conservador Myron, quen se cambia de sexo para ser a liberal Myra e vingarse dos homes.
The best of enemies remite ao eterno debate entre conservadores e progresistas. Cando había dous partidos compartindo San Caetano, os socios do Pen queixábanse en privado da «comprensión institucional» que recibía a AELG. A diverxencia entre o Pen e a AELG ten as trazas de Vella Política e Nova Política; entre organización de cadros e organización de masas, que dicíamos nos 80. En ambos os modelos hai unha elite dominante coa inercia para permanecer; como en calquera actividade humana, nada excepcional nin indignante.
Os dez debates que mantiveron Gore Vidal e William Buckley soamente lles permitiron chegar a un acordo: odiábanse. O rancor duroulles en vida e no alén. Cando morreu Buckley, en 2008, Vidal despediuno escribindo que desexaba que ardese no «inferno», pero confesaba que a chegada do seu rival farío «un lugar máis divertido». A ningún dos dous lles faltaba o sentido do humor, unha virtude tan ausente nas nosas elites intelectuais.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité