O SOL DETÍVOSE SOBRE A RÚA DAS TABERNAS
DEUS INSPIROU a escrita da Biblia coa mesma ambición de grandiosidade e durabilidade que Cecil B. DeMille cando dirixiu a Charlton Heston en Os dez mandamentos. Deulle unha caxato e mandouno a separar as augas do mar Vermello. Non llo puxo fácil.
Esa escena das Sagradas Escrituras resulta espectacular, pero a miña favorita é a de Xosué detendo o sol en pleno tránsito polo ceo. O astro rei «non se apresurou en poñerse durante un día enteiro» (Xos; 10, 21) para permitir que Xosué vencese a batalla contra os cinco reis amorreos que o tiñan sitiado en Gabaón.
Non sei se foi cousa divina ou hollywodense, pero o sol botou esta semana detido sobre Galicia con evidente intención de secar as nosas roupas con velocidade de demiurgo e contribuír ao aforro de carbón para a grella.
A pesar da calor, estiven contento porque a Real Academia Galega designou a María Victoria Moreno como figura do Día das Letras de 2018. Atópolle as características positivas de ser muller, ter adoptado o galego procedendo de Cáceres e escribir literatura infantil e xuvenil.
As autoridades culturais están tomando decisións acertadas nos últimos tempos. Román Rodríguez e Anxo Lorenzo promoveron a mostra Flor Novoneyra de Antón Lamazares, aínda que tivesen que afastala á Cidade da Cultura por esixencia do guión. O edificio do Gaiás tería sido un estudo aproveitadísimo para as superproducións da Metro Goldwyn Mayer.
Mirar o catálogo de Lamazares alivioume a calor. Cada obra do pintor de Lalín nesa mostra ten inspiración nun poema de Uxío Novoneyra. Os versos do poeta do Courel habitan no frescor das precipitacións: «Chove para que eu soñe», «Chove pasesiño nas sombras/ chove pra abaixo e pra riba», «Chove/ e solo/ o quedo/ se move».
Lamazares cubre as teas cunha soa cor. Nelas escribe ideogramas do seu Alfabeto Delfín, que corresponde a unha lingua que inventou. Ese idioma ten un futuro semellante ao do galego porque soamente o coñece o artista e porque se escribe, pero non se fala. Moitas das palabras que risca nos cadros son referencias católicas. Lamazares lémbrame o expresionismo espiritual de Rothko e o neoplatonismo cristiano de Dionisio Aeropaxita, o xuíz heleno que se deixou convencer por San Paulo de Tarso.
O discípulo de Xesús foi eficaz na súa teima conversora, como debeu de selo María Victoria Moreno na súa asunción do galeguismo. Acabou tendo unha crenza tan sólida na nosa lingua que arriscou a ensinala nas catacumbas do franquismo, unha tarefa que lle custou a retirada do pasaporte.
A súa elección para as Letras do 2018 alegroume, xa dixen, polo xénero e polo público ao que se dirixía; aínda que, asegurou Víctor Freixanes, que non se decidiu «por criterios de cotas, senón por criterios de méritos, que é como se consideran as cousas na Academia».
A afirmación do presidente causoume preocupación. Se non foi seleccionada por ser muller, ser foránea e ter obras para rapaces, cales son os méritos que lle atoparon? As miñas sospeitas son variadas: ter escrito novelas —como Anagnórise— que contados membros da RAG leron; ser amiga de Alonso Montero, ou que o sol se detivo sobre a rúa das Tabernas e os académicos votaron confundidos por un golpe de calor.
Quede constancia da miña fe catecumenal na explicación do presidente da RAG. Non serei eu quen dubide dela tendo en conta que non cuestiono a Dionisio Areopaxita cando asegura no seu ensaio Dos nomes divinos ter asistido á dormitio —pasamento— da Virxe María, e conversado cos apóstoles Pedro e Santiago.
Mesmo sentinme exaltado pola laudatio de Alonso Montero que, na hora dos brindes, encheu o peito e afirmou que «María Victoria Moreno é unha grande das nosas letras». As nosas letras son tan pequenas que calquera escritor pode ser un grande.
Se a avaliación para designar a Moreno foron os méritos literarios e non as correntes de pensamento feminista, gustaríame que a RAG aceptase unha suxestión para as Letras Galegas do 2019: Ricardo Carvalho Calero. Entre os seus logros, destacaría o de ser o impulsor do reintegracionismo en Galicia. A escolla do ferrolán sería importante para recoñecer o labor a prol da lingua que está facendo ese movemento na loita pola salvación da lingua. Os reintegracionistas son os máis desprezados e, asemade, os máis activos. Merecen ser incorporados con normalidade ao sistema cultural.
Á espera de que a miña pregaria sexa atendida, vou dedicar a semana vindeira a intentar concretar os argumentos seguidos pola Real Academia Galega para sitúar a María Victoria Moreno por riba de Antonio Fraguas e de Carvalho Calero.
Todo ten solución. De aquí ao 17 de maio, os académicos que apoiaron a candidatura da escritora dispoñen de tempo para poñer na mesa de noite Anagnórise e botarlle unha ollada antes de durmir. Nunca está de máis coñecer a motivación do voto que emitiron.