Blanco Amor era un comedor entregado de iogures Danone. «Iogures deses que non tiñan sabores e traían cromos do Mundial 82», segundo lle escoitei a Manuel Baltar. O martes asistín a un acto xornalístico en Ourense. O presidente da Deputación volveu citar a Chesterton. Ten ese rutina bonita, como a xente que compra fío dental e se atreve a darlle uso. Chesterton resulta pesadamente católico e brandamente piadoso para o meu gusto literario. Hai que ter a mesma dóse de soberbia que de retranca para escribir: «Se non houbese Deus non existirían ateos».

Se non lembro mal, Manuel Baltar recordou aquilo de que «a verdade non é soamente necesaria, senón consustancial á referencia dos feitos acontecidos», co que estaba pedindo contraste e rigor nas informacións publicadas. Nese momento, eu ignoraba que aquela mesma mañá Gonzalo Jácome o acusaran de inflar un billete de avión, pero si lle escoitara que dende que nacera estaba «preparado para ler calquera cousa» sobre o presidente da Deputación ourensá nun xornal. Mesmo se era sobre o seu pai.
A denuncia viña de Jácome, ese personaxe enfebrecido e choqueiro, é o maior proveedor provincial de pianos. Ignorando a célebre petición dun bordel parisino —‘Non disparen contra o pianista’— o Partido Popular recordou a bonita cifra de cartos públicos que os dirixentes da súa propia formación na Deputación gastaron nos negocios de Jácome. Foi na mañá, xa digo, na que se os billetes de avión subían coma globos de feira fuxidos dunha man gordecha e infantil.
O encontro con Baltar foi sorprendente. Non se preocupou polo meu labor periodístico, aínda que podo presumir que lera algunha impertinencia miña que lle afectaba. No caso de que cheguei a escribila, que non me lembro. Tampouo se interesou polo meu incerto coñecemento de Ourense. Non lle preocupou o xeito no que me afectara a calor texana da súa cidade. Tivo a elegancia de evitar o catálogo de preguntas retóricas de calquera político ante un votante potencial. Preguntoume polo ano de nacemento. «1965». Non mo creu. «1965? E tes ese pelo?». A fortaleza do cabelo non sei se atribuírlla a que o lavo con auga fría —por imitar a Rimbaud— ou aos iogures Danone que me daba a tía Feli. Cos envases, ela facía pirámides no secadeiro da cociña.
A miña tía padecía obsesión polas linguaxes complexas. Empezou facendo crucigramas cando nova e acabou sendo unha experta lectora da escrita xeroglífica exipcia.
Cando rematou o acto da Deputación, cadroume falar con persoas de vidas fugaces: deputados e senadoras que foran despoxados indolentemente desa condición na medianoite anteior. Falaban confusos e, asemade, esperanzados en que o comité electoral lle permita sobrepoñerse ao Waterloo da falta de pactos en Madrid. Coa alcadesa de Cartelle, María del Carmen Leyte, estiven falando sobre o control do discurso que exercen os partidos sobre os seus representantes públicos. Mesmo, para a súa perplexidade, consentínme a pedantería de citarlle a Wittgenstein: «A miña linguaxe é o meu mundo». Espero que non comprendese a referencia ao limitado da linguaxe e do mundo dun político porque a miña maldade era prescindible.
Cando valoraba se engadir a consideración de Chesterton sobre que «o sistema de partidos convirte á política nun xogo de regatas», asaltoume pola banda de Lestrove un concelleiro de Pereiro de Aguiar para queixárseme dunha información no que un periodista local lle afeaba unhas dietas. Identificoume cun chamán portador do espírito da prensa local. O seu discurso colleu voos de reproche mentres me perseguía polos corredores do pazo presidencial.
Ao saír daquela asamblea de presidentes, xornalistas locais, perxudicados polos xornalistas locais e deputados intermitentes, un amigo levoume en dereitura á libraría Tanco. Descubriume un paraíso que conserva vellas coleccións de Austral e Alianza que eu agarimaba na biblioteca africanista do meu tío Santi. Entrementres, a súa irmá Feli contiña a respiración subida a unha escaleira para alzarse a pousar o derradeiro envase de iogur no curuto da pirámide que levantaba na cociña. Ela soñaba unha de Torre de Babel porque o monumento lácteo chegaba a dous centímetros do teito.
Na libraría comprei El Estado de la cultura (Acantilado, 2007). Marc Fumaroli comeza ese ensaio horrorizado polo anuncio dunha futura pirámide de cristal fronte ao castelo de Chambord, no Loira. O edificio non pasa de ser unha desas excrecencias de mesturar arquitectura medieval francesa e clasicismo italiano, pero, como di Fumaroli, «o renacemento pode soportalo todo». O ensaísta protesta nese libro pola teima que lles entrara aos políticos por «descentralizar a cultura».
Francia é París e o resto, paisaxe. Descentralizar en francés significa reproducir París en calquera lugar do país. Como Miterrand perpetrou unha pirámide de cristal no patio central do Museo do Louvre, proxectaron outra en Chambord coa frivolidade coa que a miña tía erixía na cociña monumentos funerarios con iogures.
Esta teima imitatoria non resulta allea a Galicia. Como Santiago ten unha grande infraestutura cultural que encher, fixeron outra en Lugo. O cálculo de cartos que se precisan para abrir o novo auditorio require unha proxección orzamentaria de décadas. Soamente necesitamos unha orquestra filármónica berlinesa ou unha programación de Teatro alla Scala de Milán para dialogar de ti a ti coa previsión de gasto.
Manuel Baltar comentaba o martes o seu empeño en alentar a fundación Blanco Amor. Cando menos ten o contido e busca o continente. Soamente lle pido que dedique unha sala a unha gran pirámide feita con envases de iogures.