Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
5 octobre 2017

MULLERES E HOMES, E VICEVERSA

21353_Rainer-Maria-Rilke

"HAI QUE SALVAR a Rilke", escribiu a princesa Maria von Thurn und Taxis no seus diarios (Alianza) en 1916, décadas antes de que Spielberg copiase a frase para salvar o soldado Ryan. A nobre eximiu o poeta da obriga de marchar co exército austrohúngaro para abatir inimigos rusos, segundo conta Adam Zagajewski en Releer a Rilke (Acantilado). Logrou que destinasen ao poeta ao monótono e seguro Arquivo da Guerra de Viena. A princesa admiraba a Rainer Maria Rilke, pero non se resistía a dirixirlle cartas chamándoo Doutor Seráfico.

Para o escritor alemán, que se deixara contaxiar polo enxalzamento bélico nas primeiras semanas da Gran Guerra, eludir o combate foi unha humillación. Non menor que a vergoña de soportar ao brutal sarxento que se burlaba de que, entre Rainer e Rilke, levase o nome feminino de Maria. Nunca escoitei que Manuel María soportase un desprezo similar na mili. O sarxento ignoraba que a nai de Rilke vestírao de nena ata os cinco anos para convertilo no holograma da primoxénita, que morrera. A mofa sería aínda máis humillante.
Poucos homes aceptan os atributos femininos. Unha maioría rexeita verse influído por características sentimentais ou delicadas e, polo tanto, femininas e traidoras ao ardor guerreiro. Siri Hustvedt observa en O verán sen homes (Hugin e Munin; Anagrama, en español) que os homes unicamente len a homes, mentres que as mulleres non ignoran as obras de escritores. Mesmo as novelas de varóns que critican as teorías en expansión sobre a condición feminina, como Javier Marías co seu recente Berta Isla (Alfaguara).
Este verán houben de superar un perxuicio para ler O verán sen homes. Non foi un reparo de xénero, senón unha reserva de parentesco. Siri Hudvest está casada con Paul Auster e non podía afastar a sospeita de que a valía literaria quedaba subordinada a motivacións maritais. Non me parece un criterio válido para Jorge Herralde, editor de Anagrama, nin para Alejandro Tobar, editor de Hugin e Munin; pero non vía iluminarse a sombra desa nube. Así que lin esa novela sobre unha profesora que volve á súa vila natal para sobrelevar que o seu matrimonio de trinta anos acabase disolto polo seu home a causa dunha terceira. A obra pareceume magnífica.
O home da protagonista actúa como unha boa parte do universo masculino, que consideraba as mulleres segundo un criterio da función que teñen na súa vida: nais,esposas, fillas, amigas, amantes; pero non como persoas capaces de desenvolver actividades sen apoiarse nun varón. Ese é un descubrimento recente da sociedade occidental. No resto do mundo, as mulleres malviven na Idade Media. Unhas soportan a pata quebrada e mesmo hainas culpabilizadas por velos, hijabs, burkas e todo ese catálogo Venca de marcos que delimitan a pertenza a parentes varóns. Non faltan as que xacen na tumba fría.
Como non sabemos reparar as grandes inxustizas sociais con mesura, facémolo con exaltación. Nun recente premio de poesía, no que os nomes dos candidatos estaban boca arriba, a presidencia do xurado anunciou que pretendía galardonar a unha muller. Non buscaba compensar a histórica desvantaxe feminina cun factor de corrección, senón excluír unha parte dos aspirantes por ser portadores de feromonas macho, como se iso fose voluntario e mesmo penalizable.
Primar os valores de integración social sobre os literarios é unha inxustiza que se xeraliza. Dende hai anos padecemos a recuperación da memoria histórica, non pola vía lóxica da análise científica e a rehabilitación das vítimas, senón pola vía pouco rigorosa da fantasía narrativa. A literatura galega nunca se caracterizou por ter unha novelística sólida, pero a inclinación a conceder premios, homenaxes e reutiteos a textos nos que os republicanos eran —en global e sen matices— doutores seráficos e os fascistas non escaparían do Inferno no caso de ser sometidos a un xuizo con garantías danou a credibilidade e a calidade da nosa narrativa.
Un amigo mandoume un Wathsapp o martes. Viña de rematar unha noveliña que levou o noso premio mellor dotado. «O bempesantismo cada vez parece máis intenso», lamentou. Despois, indicoume que, se non fose porque trata o cancro, a súa sorte podería ter sido ben outra.
Intercambiando mensaxes con el, acordei doutra amiga, Teresa, que se quixo escritora. Atopábase coa súa desidia ao comezar cada novela. Teresa tomaba zume de tomate para que ninguén lle gorronease na pista da Black da Compostela dos 80. «Vou escribir unha novela de aeroportos, están de moda as novelas de aeroportos», prometía en setembro mentres bailabamos. «As novelas con gatos, o que se leva son as novelas con gatos», proclamaba en abril cando pechaba a discoteca.
Seguro que Teresa renunciou ao soño de publicar, pero non puido renunciar ao seu olfacto para as tendencias novelísticas porque lle vén instalado de serie. Aposto que me aconsellaría escribir unha historia de barbarie falanxista ou dun problema social cun punto de vista feminino. Ignoraría o seu consello porque deixo que me guíe o Rilke de Cartas a un joven poeta (Alianza): «Non escriba versos de amor. Fuxa de formas e temas demasiado correntes».

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité