Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
23 décembre 2017

PIRANDELLO DISPUXO SER ENTERRADO ESPIDO

pirandello2

CON FRANCO chovía máis. Seino porque lembro todas as tardes daquel período de rexencia militar contando pingas no océano disperso que esvaraba pola ventá. Franco —digo para os que xa naceron en hospital— era un condottiero alto, loiro e guapetón que proxectaba unha voz fonda, rusa e ortodoxa como a de Xabier Docampo. Tras emparentar coa nobreza da estirpe que manou de Covadonga a través da honrada e bela Carmen Polo, excusou de convocar eleccións ata que morreu. Non hai que fascine máis aos españois que unha espada que poña orde e un título que achegue gloria.

Borges dicía que «la lluvia es una cosa del pasado». Afirmaba iso porque non podía ver as pingas esvarando polo cristal. María Kodama non deixaba que a chuvia o mollase por se o patrimonio lle collía unha pulmonía.
Para min o franquismo é chuvia e tamén harmonía porque España estaba dividida paradoxalmente en tres metades. Unha era a metade que levaba a Franco baixo palio, e as outras dúas marcharan ao cemiterio ou ao exilio, dous xardíns discretos. Daquela, as discusións acababan cun abrazo fraternal no bar de abaixo. O único erro do xeneralísimo foi non imitar a Pirandello, que era fascista e pediu que o enterrasen espido por temor a que os seus camaradas o vestisen co uniforme dos camisas negras. Ao dramaturgo gustábanlle pouco as ideoloxías, mesmo a súa.
Franco gobernaba exercendo a rexencia. Non reinaba a estirpe francesa dos Borbóns, pero reinaba a concordia. Por exemplo, non se discutía pola lingua escolar; porque a lingua era a lingua. Unha vez escribín aquí sobre Gloria Lago, que defende dúas educacións monolingües en Galicia Bilingüe. Non comprendía por que é preferible para os rapaces aprender un idioma e o inglés —ese código binario— a aprender dous idiomas e o inglés.
Lago contestoume longa e iradamente. Sei que non pretendía humillarme porque ela é o sorriso de Concha Velasco en Las chicas de la Cruz Roja.. Estes días, por exemplo, instalou unha mesa petitoria en Madrid para que os escolares de Cifuentes estuden en catalán, vasco ou galego se o desexan.
Mentres a nosa Xoana de Arco liberaba dúas ou tres nacións na Praza de Colón, á sombra alongada da bicolor, eu estaba metido na casa porque Galicia, despectiva co progreso, puxérase a chovernos a todos por riba. Dediqueime a ver ‘Violetas imperiales’, unha película que o mesmo lle gusta a Paco Rodríguez que a min, con Carmen Sevilla e Luis Mariano. Mirando ao tenor vasco non deixaba de imaxinar a Franco asomado a un balcón de Meirás cantando: «Piensa que en esta corte francesa/ Eres más que gitana, princesa».
Nun delirio, atrevinme a imaxinar o xeneralísimo aplicando o método Stanislavski para representar ao guión que escribiu Otero Pedrayo para a galega Suevia Films. A noticia dese guión deuma Margarita Ledo o mércores, cando a chamei porque gañara do premio que leva o nome do escritor. Ese recoñemento é unha mostra de que a pesarosa cultura institucional foi quen de coller o paso da vangarda por unha vez.
Estes días de chuvia antiga estou lendo A cerimonia dos adeuses, as memorias nas que Simone de Beauvoir conta o naufraxio que foi a vellez de Sartre. No texto hai numerosas referencias a O parvo da familia, o libro alucinado que o filósofo dedicou a contar «non o home, senón o método de Flaubert».
Necesitou mil páxinas para chegar a conclusión de que Flaubert non era parvo pese comezar a ler aos 9 anos. A familia estaba convencida de que o rapaz non era completo. A miña teoría, alentada polo argumentario que Gloria Lago me expuso no seu reproche incandescente, é que Gustave foi escolarizado en normando, a lingua propia do seu Ruen natal. A lectura non lle naceu ata que se produciu a osmose co francés.
Franco debía de ser máis intelixente do que parecía porque, a pesar de nacer no seu propio Ferrol (El Ferrol del Caudillo), deu colgado victorias no medalleiro olímpico tras espertar o ‘Gran Coloso Dormido’ —que chamaba Goya á guerra— nun medio extremadamente distinto, o deserto africano. Mesmo soubo ser merecedor do pazo de Emilia Pardo Bazán, que era «venero de sensaciones refinadas, santuario de belleza, refugio de la esplendidez y de la poesía», segundo Luis Antón del Olmet. O proceso do crowdfunging entusiasta e popular de compra da casa para o xeneralísimo está narrado con detalle por parte de Pérez Lorenzo e Carlos Babío en Meirás. Un pazo, un caudillo, un expolio (Fundación Galiza Sempre).
Se cadra, estou equivocado e aquel tempo non foi a exhuberante zarzuela que nos contaron. Se cadra, leva razón Xabier Docampo, quen retrata unha vila galega dos anos corenta asolagada pola ambición e a crueldade en A nena do abrigo de astracán (Xerais). O escritor Gonzalo Moure recomendoume unha vez que evitase coller cariño a ninguén autor «porque vas ter que ler todas novelas que publique». Ler a Docampo e collerlle cariño foi simultáneo, pero non podo telefonalo porque teño a lectura da súa última novela en panos menores.
«A ver se me chamas un día sen que haxa unha noticia de por medio», reñeume o mes pasado mentres pasabamos un frío estepario na Piringalla. Xabier aínda non se sacudiu o xiz escolar que usou durante tantos trienios de docencia, polo que lanza uns reproches de fogueo, amortiguados de comprensión.
Daquela comprometínme a chamalo; non por se amable, senón por aspirar a ser aceptado na súa estirpe nobre. Durante os anos do naufraxio de Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo chamábao cada noite para facelo lembrar e rir. Non imaxino unha humanidade máis oceánica.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité