PERDIDO NAS MARISMAS
DE JOHN GALLIANO afirmaría que padece esa tolemia estúpida dos borrachos que os empuxa a berrar o que pensan e o que non. Non me explico a súa reincidencia en loubar a Hitler e a súa piromanía cos xudeus cando o propio deseñador reuniría bastantes requisitos para acabar en Buchenwald de ter nacido tres décadas antes. Galliano é un bocapodre, pero non se lle pode negar o talento para vestir mulleres, o sentido infindo do espectáculo nin o gusto para a diversión. Supoño que o deseñador é un habitual de Les Marais porque os dous vídeo que lle valeron o despedimento foron gravados nese distrito.
Ás veces Les Marais queda un pouco asombrecido pola moita sona do Barrio Latino ou Saint Germaine, pero eu tiven a fortuna de pasealo na procura do Breizh Café. Como non fixen a mili, carezo do sentido da orientación máis mínimo. Dediqueime a vagar e a coñecer un barrio de mansións que os nobres dos séculos XVI e XVII chantaron sobre unhas marismas. Os edificios reviviron hai anos pola pintura en tons pasteis e unha chea de locais de lecer promovidos pola comunidade gai. miña teima no Breizh Café venme de ler que o bretón Bertrand Larcher emigrara a Toquio, onde acadou tal sona cos seus crêpes e galettes que foi abrindo sucursais por Xapón todo. Deu en reuropeizarse’ estabrecéndose en París. Tras dúas horas camiñando e recibindo regalos para os ollos e o olfacto a xeito de panaderías, patios interiores nos que se xantaba ao sol de xullo con viño e sardiñas, e intrigantes tendas de anticuarios, acabei desembocando nos arredores da avenida de Montaigne. Nesa rúa hai unha especie de xogo da oca e tiro porque me toca no que unha tenda de ultraluxo se suma coa seguinte. E déronme as dúas, hora da sobremesa nos países bendecidos polo sentido protestante do cosmos. Dei en buscar un restaurante entre nas cercanías. Habelos, habíaos. Todos eran locais pequechos que se abrían en terrazas con mesas cun diámetro non meirande ca uha paelleira media. Camiñar pola beirarrúa entre comensais que falaban unicamente inglés e automóbiles de luxo faríase unha xeira complicada mesmo para un equilibrista do Circo Price.
Impelido pola fame, consultei as cartas de varios locais e decidín que a miña Visa non soportaría unha daquelas descargas. Aínda se dera atopado a Galliano por algún local do barrio podería telo gravado co móbil mentres barbarizaba contra o sionismo. A falta de solución, reparei en que era demasiado caro comer alí e demasiado tarde para seguir procurando o Breizh Café, polo que houben de apañarme no peculiar dun xaponés, consolado pola cómida rápida internacional e arrolado pola Mtv. Como non dei atopado o restaurante, consoleime pensando na afirmación do veciño de Les Marais Víctor Hugo, de que «o home ten unha serpe dentro, que é o intestino: tenta, traizoa e castiga».