O CAMPO DO PANO DE OURO
Hai un Xosé Manuel Beiras que me interesa, o intelectual. O Beiras político adoita sobreactuar e cubrir dun boureo escuro as súas ideas lúcidas. Veño de lerlle nos papeis de El Progreso algo ben bonito. Pretende mudar Europa segundo o modelo de "Joyce, Rosalía e Galileo". A icona do exoparlamentarismo falaba na presentación do manifesto de apoio a Alternativa Galega de Esquerdas. Entre Francisco Xavier Abilleira Cortegoso e Isaac Xubín hai 178 asinantes. Outro manifesto, Avante Galiza!, que recomenda votar ao Bloque Nacionalista Galego, avanza dende Adela Figueiroa ata Xurxo Souto. Ao non estaren numeradas, contei con desleixo uns 140 apoiantes. Compromiso por Galicia tamén fixo un acto a prol da cultura no 17M, pero o dou atopado. Partido Popular e PSOE non reclamaron o respaldo de intelectuais, non sei se por un temor comparativo ou polo cálculo de que non lles vai representar un avance en votos. Como hoxe teño lecer, procurei con vagar nos andeis que teño sobre o escritorio neste arrabaldeiro curruncho do salón, o argumento de Hannah Arendt sobre a necesidade de que o intelectual se manteña ceibo de compromisos políticos. A pensadora defende que afectan á liberdade para pensar e, sobre todo, para expresarse en público. O discurso de Arendt é o clásico consello de Sócrates de cuestionalo todo. E neste cabaret somos moi de Sócrates, o filósofo. A partir destas listaxes de proclama partidaria temos no país, cando menos, unhas 360 persoas ás que vou ler, escoitar e mirar ao trasluz de saber a súa adscripción ideolóxica. Un tanto decepcionado co florecemento do entusiasmo político dos meus colegas regreso a Cartas (Ediciones Alfabia), de Saul Bellow. O escritor chegara en 1949 ao París postbélico, que se lle fai moribundo en comparanza co seu Chicago "boto de menos a enerxía americana, mesmo a de Minneápolis, onde case ninguén é culto". Bellow constata que na capital francesa "case que todo o mundo sabe onde naceu Molière e o que Francisco I de Francia lle dixo a Henrique VIII de Inglaterra no Campo do Pano de Ouro, pero é unha satisfacción cansa". Os monarcas reuníronse cerca de Calais en 1520 para cesar nos seus enfrontamentos coa fin de facer unha fronte común contra o avance de España, rexida por Carlos V. A rivalidade entre ambos transcendeu das armaduras e as espadas ás teas refinadas coas que decoraban cadanseu campamento. Os pronunciamentos destes días semellan adornos que se poñen os partidos para lucir épicos e brillantes no Campo de Marte europeo do domingo.
Photo: Saul Bellow
BSO: Some other time de Bill Evans