Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
20 mars 2015

O FAGOT GALEGO DE ISAAC NEWTON

 

TEA

 

TEMO QUE comprenderei a física subatómica antes que o trato que lles damos aos científicos en Galicia. Entendo que é más visible e agradecido para un político de paso polo goberno investir en dez refuxios para peregrinos que en recuperar para o país un científico coma Diego Martínez.
A fotografía do investigador co conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis o rector da USC, Juan Viaño, confundiume un tanto, pero acabei por saber que o mellor físico novo de Europa no ano pasado, houbo de apañarse unha bolsa europea Starting Grant para poder establecerse en Galicia. A dotación é todo un tesouro de Rande: 1,5 millóns de euros.
Este regreso é un investimento a anos vista e pode combater a visión económica da inmediatez que domina Galicia. «Pongan un bar», aconsellou o expresidente Leopoldo Calvo Sotelo a uns gandeiros de Ribadeo expropiados das súas granxas.
A economía hosteleira é instantánea sempre que os clientes paguen as consumicións. Pero a procura dun modelo alternativo en física de partículas, no que traballa o físico de Foz, ten as mesmas probabilidades de éxito de que o Gato de Schrödinger estea vivo. Supoño que coñecen a metáfora do gato metido na caixa cun veleno que pode estar vivo ou morto coa que Schrödinger molestou na vellez a un Einstein que presumía que a súa Teoría da Relatividade explicaba todo o mundo físico.
O meu pai nunca logrou resucitar o gato de Schöringer. Asistín dende a infancia ao seu intento reiterado por lograr que certos minerais soportasen elevadísimas temperaturas. Acompañeino ducias de veces aos fornos de Sargadelos en Cervo para que experimentase mentres eu xogaba o fútbol no patio circular que organiza o edificio. «Se sae ben seremos ricos», prometeume o meu pai. Nunca nos puxemos ricos, pero iso, a un devoto da ciencia e da cultura como era el, importáballe tanto como a trascendencia postmortem do gato.
Varias décadas de teoría económica do presente provocaron que unhas 1.500 aldeas galegas quedasen abandonadas. Acollían un xeito de vivir intimamente coa terra que se mantivera latexando durante séculos e están estragando estes tempos feroces. Aínda queda quen sinta misericordia. Vicente Ansola vai pechando as portas das casas baleiras tras de si fotografiándoas para concederlles un amable e respectuoso adeus.

Este mes expón imaxes que foi tomando en A Pontenova para os seus libros O pobo das néboas e A últimas polavila no Museo Provincial de Lugo. O seu talento na xestión da luz foi recoñecido co premio Hasselbald. Ao igual ca o físico Diego Martínez, Ansola decidiu establecerse en Galicia. Pero Ansola non regresou; Ansola quedou, porque é cántabro.
As súas fotografías amosan as casas deixadas á deriva polos seus ocupantes como se escapasen dunha peste como a que devastou Inglaterra hai 350 anos.
Esa epidemia obrigou ao estudante Isaac Newton a fuxir da universidade de Cambridge e refuxiarse durante dous anos na súa aldea de Woolsthorpe. Esas vacacións foron as máis rendibles da Historia da Ciencia porque xeraron as ideas de Newton sobre a gravitación e a natureza da luz.
A maiores, serviron para que formulase a anécdota científica máis repetida de todos os tempos xunto coa de Arquímedes, esa que conta que a idea da gravidade lle prendeu mirando caer unha mazá dunha mazaira de Woolsthorpe. O seu amigo William Stukeley recolleu unha das catro versións que brindaba o científico en Vida de Newton (1752), un libro do que se soubo hai soamente cinco anos.
As crisis serven para que nos decatemos de que a ciencia é imprescindible para proporcionar a base teórica dos avances técnicos e, como consecuencia, económicos. Un exemplo foi a batalla viguesa de Rande, que rendeu un botín para Inglaterra que foi elevado a cifras astronómicas pola prensa. O director da Real Casa da Moeda inglesa, Newton, ocupouse de contabilizalo. Ideou un sistema máis eficaz para estimar grandes cantidades co que enfriou o entusiasmo xornalístico. Daría todo por ver a cara que puxo cando, entre moedas de ouro e lingotes de prata arrepiñados na ría de Vigo, apareceu como trofeo un fagot. Ignoramos o uso que lle buscou.
A peste inglesa de 1665 non foi a única crise sanitaria que deu resultados positivos. A peste que atacou Florencia en 1348 inspirou o Decamerón (Rinoceronte) de Boccaccio.
A obra comeza cando sete mulleres e tres homes fuxen da enfermedade atopándose a salvo nunha vila nas aforas da cidade. O tema fundamental desa historia é unha sociedade nova e exenta de doenzas fundada por persoas cargadas de futuro.
Menos san acaba de parecerme que Mario Vargas Llosa se someta ao ridículo de asociarse a Boccaccio presumíndose actor en Los cuentos de la peste. O escritor que nos deu novelas gloriosas ten a creatividade afectada de parálise, polo que decidiu encarnar unha ficción como intérprete. Hemingway dicía que «o home tarda dous anos en aprender a falar e sesenta en aprender a calar». Nese aspecto, Varga Llosa é Peter Pan.
A versión canónica de Decamerón nas artes escénicas deixouna filmada Pasolini en 1971. O director italiano está sendo recuperado en películas e libros este ano porque se van cumprir 40 anos da malleira que o asasinou na praia de Ostia tras manter relacións cun rapaz a cambio de cartos.
Giamluca Maconi dedicou ao suceso o cómic El caso Pasolini, (Gallo Nero). Para comprender o motivo de que alguén que podía permitirse un prostituto de luxo preferise buscar a excitación sexual en chapeiros que rescataba da miseria para satisfacerse non está de máis lerlle a novela Unha vida violenta (Hugin e Munin). A obra está protagonizada por un grupo de rapaces que son enxeñeiros técnicos en fame, miseria, enfermidade e presidio.
Pasolini explicouse con artigos de prensa recompilados en Demasiada libertad sexual os convertirá en terroristas (Errata Naturae). O título procede dunha columna da revista Tempo de 1972 na que escribira que «a liberdade sexual por si soa conduce a graves desequilibrios cando se entende como un ansia consumista».
Esa afirmación proxectada en contraste sobre as circunstancias da súa morte revelan a complexidade moral de Pasolini. «Cando morra, ¿lembraráseme como una gran poeta, ou como un intelectual marica?», pregúntabase doído no cómic de Maconi.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 440
Publicité